Primeiro día de verán: 1.250 casos activos de Covid, 59 pacientes ingresados e 56 novos contaxios

Imaxe de arquivo dunha das vacinacións que están a decorrer na Galiza estas semanas (Foto: Europa Press)
A taxa de positividade continúa por baixo do 2%.  A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Galiza inicia o verán con 1.250 casos activos de Covid-19 -tras catro días en descenso continuo-, 59 pacientes hospitalizados por este coronavirus -un menos que a xornada anterior- e 56 novos contaxios -case unha vintena menos-.

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, os pacientes Covid hospitalizados en UCI ascenden a 16 -un máis- e os que permanecen noutras unidades descenden a 43 -dous menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende lixeiramente nas de Santiago e Barbanza e na de Ourense; mentres que aumenta na de Vigo; e mantense nas da Coruña e Cee, Lugo, Ferrol e Pontevedra e O Salnés.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 continúan coa tendencia descendente por cuarta xornada consecutiva e arrincan este verán con 1.250, que supoñen 20 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (75) que contaxios (56), ao que se engade un falecemento. Por tanto, sitúanse en niveis de finais da primeira quincena ce agosto do ano pasado -o 14 dese mes había 1.214-.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-14), Santiago e Barbanza (-10) e Lugo (-3); aumentan nas da Coruña e Cee (+5), Ferrol (+1) e Pontevedra e O Salnés (+1), mentres que se manteñen na de Ourense.

En canto aos novos contaxios de Covid detectados con calquera tipo de proba principian esta semana con 56, que supoñen 19 menos que a xornada anterior, na que houbo 75.

No conxunto da Galiza foron confirmados 56 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 20 menos que a xornada pasada, dos cales 23 corresponden á área da Coruña e Cee; nove, á de Lugo; oito á de Ourense; outro oito, á de Santiago e Barbanza; tres á de Ferrol; outro tres, á de Pontevedra e O Salnés; e dous, á de Vigo.

En canto á taxa de positividade, continúa por baixo do 2%.  A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.434 tras notificar este domingo un novo óbito a Consellaría de Sanidade. En concreto, un home de 100 anos que permanecía ingresado con coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e contaba con patoloxías previas.