Teresa Moure e Carlos Taibo entre os relatores

Primeiro congreso sobre decrecemento en Ferrol

A Rede Decrecemento Eo-Navia-Galiza-O Bierzo organiza esta fin de semana o seu primeiro congreso. Será en Ferrol e entre os relatores atópanse firmes defensores e divulgadores das teses decrecentistas. Por caso, a escritora Teresa Moure ou o ensaísta Carlos Taibo.
 

“Queremos decrecer para sobrevivir”, explican os promotores no seu documento de introdución, “e facelo dunha maneira decidida, social e internacionalmente xusta. A alternativa a este decrecemento democraticamente controlado e socialmente xusto será un decrecemento autoritario dirixido e socialmente inxusto. Xa o estamos a ver agromar por todas partes”.

 

O movemento decrecentista parte da constatación da imposibilidade do crecemento continuado da economía capitalista e da súa incompatibilidade co ecosistema do planeta.

 

As xornadas deste 6 e 7 de outubro serán no Ateneo Ferrolán. Na primeira, o acto forte será este sábado ás seis da tarde, coa mesa de debate arredor dos “obxectivos da organización do movemento decrecentista”. Nela participarán Moure, Taibo, a enxeñeira Begoña de Bernardo da asociación Véspera de Nada, o escritor Jorge Leandro da Rede do Decrescimento en Portugal, Marlola López da Rede de Decrecemento e mais a pedagoga Iolanda Teixeiro.

 

Pero antes haberá discusións colectivas sobre os documentos da rede, unha feira de produtos eco artesanais ou intervencións das organización decrecentistas convidadas. O programa do 6 de outubro pechará cun concerto de Ariel Ninas -Só Sanfona- e con cantos de taberna.

 

O domingo 7 de outubro haberá diversos obradoiros enmarcados dentro da feira de produtos ecoartesanais. Ás 12.00 horas, música en directo e sesión vermú. E unha hora máis tarde, Carlos Taibo, un dos principas difusores das teses decrecentistas no Estado español, ofrecerá a conferencia de clausura.

 

“Este é o grande reto antropolóxico (e cultural, social, económico e político) que temos ante nós como pobo”, sinalan desde a organización do I Congreso Decrecemento.