Primeiras multas por non levar máscara baixo a nova normativa da Xunta

(Carlos Sánchez, Europa Press)

Os axentes interpuxeron xa este domingo as primeiras multas na Galiza por incumprir a normativa da Xunta que estende a obrigatoriedade de usar a máscara en espazos pechados e abertos, mesmo aínda que poida manterse a distancia de seguridade.


 

A norma entrou en vigor ás 00:00 horas do domingo e desde primeiras horas incrementouse a vixilancia nas distintas urbes e producíronse as primeiras amoestacións e denuncias, aínda que, segundo recoñecen distintos municipios, foron puntuais.

Os maiores problemas reflectíronse no lecer nocturno, como en Narón (A Coruña), onde durante a madrugada do domingo interpuxéronse unha ducia de sancións a persoas que se atopaban no exterior de locais sen levar máscara. Nas praias, con todo, o cumprimento foi a tónica maioritaria e, aínda que se deu aviso a persoas en areais da costa, ningún tivo obxección a poñerse a protección.

No caso de Ferrol, a Policía Local impuxo durante o domingo catro multas a viandantes que non levaban a perceptiva máscara e en Tui, os e as axentes multaron dous clientes dun establecemento hostaleiro que non cumprían tampouco con esta normativa.

Na cidade de Lugo, os policías sancionaron 10 persoas que se atopaban sen máscaras nun local de lecer nocturno que, ademais, estaba aberto fóra da hora permitida e onde tamén se incautou unha arma branca a un dos clientes.

Por outra banda, na cidade das murallas tamén se multou dúas persoas que paseaban pola zona monumental e un terceiro veciño que se negou a poñerse máscara para acceder a un autobús interurbano.

Na comisaría de Viveiro propúxose para sanción dúas persoas que non utilizaban máscara pola rúa, aínda que os axentes destacaron que a maior parte das persoas advertidas por non usar este elemento "puxéronlla ao momento" e alegaron descoñecer que a normativa xa estaba en vigor.

Na cidade de Vigo, a nova normativa trouxo 10 denuncias por non usar máscara, tres deles viandantes que, tras ser instados polos axentes para poñela, "reaccionaron con certa agresividade", segundo explicou o alcalde, Abel Caballero.

Ademais, interpúxose denuncia contra sete mozos que se atopaban participando nun torneo de rap "sen máscara, sen permisos e sen distancia de seguridade", e que tamén se negaron a poñerse este elemento de protección.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, apelou á "responsabilidade individual" para frear os contaxios e a "deixar de darlle voltas" ás multas. "Pensar que van ser as forzas de seguridade as que se ocupen do que facemos cada un de nós é imposíbel e inviábel", indicou, ao ser preguntado por estas sancións.

Na capital galega, os axentes da Policía Local acudiron o domingo á estación de autobuses a amoestar a dúas persoas que non levaban máscara.