Por primeira vez en 13 anos, non haberá manifestación contra as touradas en Pontevedra

(Foto: TFP)

Touradas fóra de Pontevedra decidiu non facela pola situación derivada da pandemia e a cancelación da feira taurina.

A directiva de Touradas fóra de Pontevedra acordou por unanimidade non realizar este ano a tradicional manifestación antitouradas que tiña lugar en Pontevedra desde 2007.

Na decisión, informa a plataforma nun comunicado, pesaron dous factores. O primeiro, “a situación de pandemia que estamos a vivir desde o pasado mes de marzo. A nosa plataforma entende que non sería responsábel nin serio convocar acentos de persoas nas rúas de Pontevedra, alén de non poder garantir a súa seguridade sanitaria”.

En segundo lugar, “a cancelación da feira taurina tamén tivo moito peso nesta decisión final. Aínda que ao longo destes anos demostramos que o noso proxecto vai alén dunha data e sempre tentamos realizar actividades os 365 días así como  implicarse noutros proxectos (como por exemplo os circos con animais), é obvio que a non celebración da feira taurina ía influír na capacidade de mobilización para unha posible manifestación”.

A Plataforma indica que seguirá a traballar pola “fin das touradas en Pontevedra” e “na concienciación da cidadanía; Seguiremos reclamando tamén, a fin do convenio así como a modificación da Lei de Benestar Animal (Xunta de Galiza) que fai das touradas unha excepción no maltrato animal”.