Desde a primeira liña en primeira persoa

Maribel Barreiro, Hadrián Pernas, Hugo Babarro, Chis Oliveira e Nuria González.
Case dous meses despois da chegada a Galiza do novo coronavirus, Nós Diario volve conversar con quen xa relatou nestas páxinas a dureza da loita conta a COVID-19. 

Despois de catro semanas ingresada no Álvaro Cunqueiro de Vigo, a Mercedes Oliveira déronlle a alta hospitalaria o día da República. Volveu á casa o 14 de abril. "Ese día fun incapaz de subir os dous chanzos do portal. Hoxe xa subo tres pisos de escaleiras". Chis Oliveira, como é coñecida a profesora, escritora e catedrática de Filosofía, reencontrouse cos seus após superar a COVID-19. "As últimas probas foron negativas e o test de inmunidade indicou que teño arredor dun 97% de anticorpos", explica a Nós Diario.

A vida despois da UCI

A saída do hospital non supuxo a fin do proceso. O tempo estimado para a súa recuperación é de entre seis meses e un ano. "Mandáronme para casa con tratamento e todo tipo de asistencia. O persoal da unidade de hospitalización a domicilio (HADO) visitoume a diario a primeira semana. Conto con apoio telemático, co seguimento do equipo de neumólogas do hospital, con asistencia psicolóxica e coa atención das traballadoras sociais, que me chamaron xa ao día seguinte para saber se tiña quen coidase de min. E pareceume marabilloso, porque eu conto con esa axuda, pero haberá quen non a teña".

Cando pensas que estás ben, descobres novos atrancos.

Chis Oliveira afronta a recuperación con optimismo, mais recoñece estar ante unha enfermidade molesta. "Cando pensas que estás ben descobres novos atrancos. Comecei a respirar mellor e a gañar folgos, pero empezoume a doer o pulmón. Agora teño a tensión baixa, dúas dedas do pé que non movo ben, unha flebite nun nocello e outra nunha man. E todo isto enfastíame, porque non sei medir a gravidade destas cousas nin que consecuencias poden ter".

"É unha provocación constante", afirma. Mais despois de verse ao borde da morte, entubada e e en coma, Chis Oliveira sente a necesidade de dar grazas á vida a cada momento. "Desfruto até o cheiro das sabas". E non o di por dicir. O goce é literal despois de ter perdido e recuperado o gusto e o olfacto, unha das secuelas máis "inhumanas" da doenza

Percorrer o centro de Vigo sen coches e ver a xente nas rúas é un luxo.

Desde a súa experiencia chama á responsabilidade da cidadanía. "Non lle pido tanto ao Goberno que prohiba ou que impoña nada como lle pido a cada persoa que faga valer o seu compromiso coa propia protección e coa das demais". Neste sentido, espera cambios máis profundos tanto na vida persoal como na colectiva. "Isto tennos que servir, primeiro, para non consentir o máis mínimo recorte na sanidade pública, e segundo, para repensar o uso do espazo público e das cidades. Percorrer o centro de Vigo sen coches e ver a xente nas rúas é un luxo".

Eventuais en primeira liña

Após o seu paso polo hospital, con todas as dúbidas e os medos dunha enfermidade descoñecida convertida en pandemia, Chis Oliveira non esquece a dedicación das profesionais sanitarias, tanto desde o punto de vista técnico como emocional. "A pesar da angustia, da carga de traballo e da molestia dos equipos de protección, nunca escatimaron afectos".

O sufrimento emocional das doentes foi, tamén, para Nuria González, enfermeira no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), unha das vivencias máis intensas dentro das plantas COVID. Agora, desde a sexta sur, onde suma o segundo contrato en dous meses e a onde chegou procedente doutra área COVID do mesmo centro cun contrato diferente, comezan a ver como diminúe o ritmo de ingresos e como se baleiran as camas destinadas a doentes infectadas polo novo coronavirus.

Durante semanas fixéronse cargo, a diario, de 40 pacientes. Hoxe atenden unha decena de casos mentres observan, con cautela, como responde a cidadanía ás medidas de desconfinamento e cal é a réplica do virus.

A sanidade pública ten que ser unha prioridade. Nin máis recortes de persoal nin máis precariedade.

"A nivel profesional foi moi duro, non só pola novidade e pola carga de traballo, á que xa estabamos afeitas, senón pola propia xestión da crise. A miña planta converteuse nunha tarde nunha área destinada a posíbeis casos. A única información que recibimos foi unha charla de media hora que nos encargamos de trasladarlle ás compañeiras doutras quendas. Non había protocolos claros nin tivemos acceso nunca a unha formación integral que nos implicase a todas", comenta a integrante do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita.

Para Nuria González, esta crise puxo de manifesto algo que xa era unha evidencia. "A cota de enfermeiras por doente é deficiente na Galiza e queda demostrado que as eventuais somos máis que necesarias para o correcto funcionamento do hospital, malia que nos teñan como profesionais de usar e tirar".

As eventuais somos máis que necesarias para o correcto funcionamento do hospital.

Deste tempo salienta o traballo en equipo do que foron capaces, "cada unha dentro das súas responsabilidades: médicas, auxiliares, celadoras, enfermeiras. Non nos sentimos heroínas. Facemos o noso traballo e por suposto que agradecemos os aplausos, mais teñen que servir para reivindicar melloras laborais que garantan a calidade da sanidade pública. Esa é a prioridade. Nin máis recortes de persoal nin máis precariedade".

Desde a UCI do CHUO tamén comezan a mirar o futuro convencidos de que "o investimento en sanidade pública é o único que vai salvar a xente". Son as palabras de Hugo Babarro, enfermeiro na Unidade de Coidados Intensivos do complexo ourensán. Acaba de reincorporarse ao seu posto despois de dar positivo por coronavirus e de estar 10 días de baixa sen apenas síntomas. 

Receo ante posíbeis brotes

Babarro deixou o servizo ateigado de doentes. Asegura que nunca esquecerá o "pánico" reflectido na súa mirada antes de seren entubados para lles inducir un coma. Agora, a UCI adicional que empregaron durante as últimas semanas para atender a demanda de pacientes diagnosticadas de COVID-19 alberga só tres casos positivos mais outros tres negativos, que se recuperan da doenza. 

"Ao parecer, queren cerrar esta unidade a partir da segunda feira para recuperar a área de reanimación e a actividade cirúrxica, mais segue habendo ingresos. Na UCI convencional pasamos de dous boxes fechados a nove, dun total de 22. Serán os que destinemos a pacientes COVID, se seguen chegando". 

Temos que estar alerta e preparadas para o que poida vir. Creo que a xente está demasiado relaxada.

O ritmo de admisións de aquí a final de mes será chave para saber da incidencia do virus a raíz da fase inicial de desconfinamento, sinala Hugo Babarro. "Temos que estar alerta e preparadas para o que poida vir. Creo que a xente está demasiado relaxada, e nós, que o pasamos tan mal e vivimos de perto a gravidade desta crise sanitaria, non perdemos de vista nin os mortos nin as dificultades da asistencia hospitalaria".

Por iso, di Babarro, malia que o sistema non está colapsado e que se pode atender a todo o mundo, urxen plans de contixencia ante a posíbel aparición de novos brotes e urxe "tomar moi en serio" os riscos da pandemia.

Rastrexadoras do virus

No Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) o ritmo de ingresos con coronavirus tamén se relaxou. "Chegamos a ter cinco plantas abertas", afirma Hadrián Pernas, médico residente de último ano recoñecido como especialista pola Xunta da Galiza no marco desta crise sanitaria. A partir do día 17 reincorporarase ao servizo de Medicina Interna do CHUS como médico adxunto, contratado polo Sergas.

Agora, a chegada de novos doentes é residual. "Pasamos de cinco a dúas plantas COVID, e a semana que vén esperamos fechar outra", precisa. Mais recoñece certo pesimismo. "Non sabemos ben onde imos estar dentro de dúas semanas. Seguimos atendendo pacientes sospeitosos, con probas negativas pero con clínica respiratoria que non nos arriscamos levar a unha planta común".

Creo que sería interesante que asumísemos ese rol de rastrexadoras do virus sen sobrecargar aínda máis a Atención Primaria.

No horizonte, Hadrián Pernas sinala o outono. "De momento é todo moi cambiante e non planificamos máis aló dunha semana. Pero temos un gran reto por diante para organizar o servizo sen que se resinta a calidade asistencial cando, despois do verán, veña a gripe e previsibelmente continúe circulando o coronavirus".

Mentres tanto, o facultativo reclama para os especialistas de Medicina Interna parte do traballo de seguimento que exixen as doentes de COVID-19 curadas e dadas de alta. "Descoñecemos a evolución desta patoloxía, e creo que sería interesante que asumísemos ese rol de rastrexadoras do virus sen sobrecargar aínda máis a Atención Primaria", conclúe Pernas, quen recoñece, ademais, "un alivio" para os servizos hospitalarios o desvío das persoas anciás cara a residencias medicalizadas.

Maiores e coidados

Após a angustia de ver como "as residentes ían morrendo", sen equipos de protección nin protocolos claros para evitar novos contaxios, a situación de desespero virou coa intervención da Xunta dalgúns centros privados. Así o explica Maribel Barreiro, voceira do colectivo Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega). "O máis gordo parece que pasou, pero temos medo a que a xente se relaxe e veña unha segunda vaga", advirte.

Estamos ante un modelo residencial esgotado.

Para Manuel Blanco, enfermeiro da residencia de maiores de Caranza, en Ferrol, de propiedade e xestión pública, o punto de inflexión foi o 21 de abril. Ese día chegaron as PCR e todas as usuarias e traballadoras deron negativo. "Foi un escape grande para ansiedade". Agora, insiste en prever un posíbel rebrote ao tempo que sinala o "fracaso da política social baseada en privatizar e concertar os servizos públicos". "Estamos ante un modelo esgotado", engade Barreiro.

"Debería haber dous tipos de residencias, unha para persoas autónomas e outra medicalizadas para persoas dependentes ou con patoloxías crónicas. Hai que mudar os coidados e poñelos en mans de profesionais capaces de garantir unha asistencia integral e personalizada", sentencia.