A primeira edición do premio Marcelino Liste distingue a AC Alexandre Bóveda

De esquerda a direita, Ricardo Vales e Manuel Monge (Foro Cívico), Goretti Sanmartín (Deputación da Coruña), José Manuel Sande (Concello da Coruña)

Dicer Marcelino Liste na Coruña é dicer movimento veciñal. No seu nome o Foro Cívico, entidade que este ano celebra o seu 25 aniversario, instituíu un premio. O galardón, na súa primeira edición, recaeu na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que o receberá nun acto que se vai realizar a sexta feira 15-D.

Con este galardón o Foro Cívico da Coruña tenciona "recoñecer o traballo de entidades ou persoas a prol da xustiza e da liberdade, collendo como referencia a Marcelino Liste, primeiro presidente da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña", informa este clube de opinión en comunicado de imprensa.

 

O premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade -galardón co que colaboran a Deputación e o concello da Coruña- vai ser entregue anualmente nas datas por volta do Día Internacional dos Dereitos Humanos (10 de decembro). O xuri que concedeu esta primeira edición do galardón estivo composto por Arantxa Aróstegui, Moncho Viña, Mari Luz Canal, Francisco Cerviño, Pura Barrio e Álvaro Someso.

 

Nesta súa primeira edición, o premio foi concedido por unanimidade á Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), sendo as candidaturas finalistas a Comisión Aberta en Defensa do Común e Nicanor Acosta Alonso.

 

Fundada en 1976, o xuri valora na ACAB "a súa longa traxectoria e o seu compromiso coa lingua e cultura galega", ben como o seu traballo na "promoción da música e do teatro". Destacan tamén a súa "colaboración con todo tipo de asociacións, entidades e plataformas cívicas" e aínda a "realización de numerosas actividades durante todo o ano, a última a celebración en 2016 do centenario das Irmandades da Fala".

  

O acto de entrega do premio está axendado para a sexta feira 15 de decembro, ás 21 horas, nunha cea no Club do Mar de Santo Amaro da Coruña.