O prezo da luz triplicouse no último ano na Galiza

Encoro de Iberdrola no Vao en Manzaneda (Foto; Europa Press)
O prezo da luz segue marcando máximos históricos e non ten traza de minguar a curto prazo. Mentres os custos da electricidade se converten nun dos grandes problemas de familias e empresas, as grandes corporacións enerxéticas rexistran beneficios históricos. O particular modelo enerxético do Estado ten a resposta.

O custo da electricidade está disparado e todas as previsións apuntan a un continuado ascenso até finais de 2022 ou comezos de 2023. A este situación contribúen os movementos nos mercados ligados ao sector enerxético, nomeadamente as tendencias alcistas diante o posíbel encarecemento de combustíbeis como o gas natural e dos bonos que gravan o seu uso polo carácter fósil mais tamén un sistema eléctrico estatal que permite ás corporacións enerxéticas fixar os prezos dos consumos. Neste sentido, explícanse os beneficios dos principais operadores eléctricos no primeiro semestre do ano, con Iberdrola declarando unhas ganancias netas de 1.531 millóns de euros, Endesa de 832 millóns de euros e Naturgy de 557 millóns de euros.  

O prezo da luz no mercado ibérico non deixa de marcar máximos ao longo dos últimos días. Así, a segunda feira rexistra unha cotización de 106,74 euros megawatts, a terceira feira de 111,88 euros megawatts, a cuarta feira de 113,99 euros megawatts e a quinta feira de 115,83 euros megawatts. Nesta liña, o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) dá por feito que o prezo de marxinal de referencia chegue a superar neste mes os 125 euros, nunha perspectiva ascendente que non ten teito a curto prazo. Nesa dirección, as medidas adoptadas até o momento polo Goberno do Estado para facer fronte a esta situación amósanse ineficaces, co conseguinte malestar entre particulares e empresas.

As causas deste comportamento do mercado eléctrico son diversas. Segundo a opinión do membro do colectivo Bidán, Fernando Branco “o problema está no sistema de regulación que o permite”. “Estamos en prezos máximos pero non en consumos máximos”, sinala Branco a Nós Diario, mentres cualifica o modelo eléctrico de “auténtica perversión. Antes, cando funcionaba o marco legal estábel, as tecnoloxías cobraban segundo os custos de produción pero agora cobran todas por igual. Así nos atopamos que o custo de produción dun megawatt de hidráulica é de cinco euros mais o seu prezo de venda é de 110 euros polo que os beneficios andan por riba de 2000%”.

‘O que hai é especulación’

O asesor enerxético, Xosé Manuel Golpe responsabiliza da alza dos prezos “ao pulso entre o Goberno do Estado e as compañías eléctricas”. “O Estado quere que as empresas eléctricas paguen o custo da transición enerxética e as empresas queren que a paguemos todos e trasládano ao recibo da luz”, indica Golpe, quen apunta que “a grande escusa é que o prezo do CO2 está disparado e bótaselle tamén a culpa aos custes de produción das centrais de gas pero cando se ve que son as centrais hidráulicas as quen marcan o prezo demóstrase que o que hai é especulación.”. Golpe significa a Nós Diario que “a escalada dos prezos non é para o verán e vén para quedarse” e “aposta por unha alza continuada até finais de 2022 ou comezos de 2023”.

O economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Adrián Dios entende que “a alza dos prezos non responde a ningunha lóxica de mercado, porque no mes de agosto baixa a actividade económica, senón á presión do oligopolio eléctrico por controlar o mercado”. “O oligopolio está inflando os prezos da luz na perspectiva dunha futura reforma do sistema eléctrico e nunha estratexia destinada a evitar que haxa cambios. Ademais manipular os prezos é moi doado co modelo español, tal e como se pode comprobar coas sancións que veñen impoñendo ano tras ano ás compañías eléctricas por alterar os prezos”, declara Dios a Nós Diario.