Os prexuízos racistas, xenófobos, machistas e lgbtifóbicos centran o discurso de odio nas aulas

Sonia Díaz, no centro, xunto a Marta G. Franco e Ovidio Villar na primeira xornada do Cume Galego contra os Discursos de Odio. (Foto: Nós Diario).
A contranarrativa ás fobias, a análise en Compostela.

Compostela acolle esta sexta feira a segunda xornada do II Cume Galego contra o Discurso de Odio, unha iniciativa organizada pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento xunto con EAPN Galiza, Agareso e Ecos do Sur para dar a coñecer experiencias e proxectos inspiradores que aspiran a promover un discurso alternativo e maioritario en defensa dos dereitos e a dignidade das persoas.

A primeira sesión, dirixida á comunidade educativa, estivo centrada nos discursos de odio presentes nas escolas e, sobre todo, en propostas concretas que se están a desenvolver para combater as expresións de racismo, lgbtifobia, machismo ou xenofobia que se escoitan entre o alumnado da Galiza.

Estereotipos de odio

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, levou a cabo a comezos do curso escolar que está a piques de rematar unha enquisa entre 300 estudantes de tres institutos de Lugo, A Coruña e Santiago que confirma a existencia "dun discurso racista e machista que non difire moito do que hai na sociedade".

O machismo é transversal no discurso de odio, un engadido a calquera outra discriminación

Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, asegura que o estudo permitiulles certificar que o mesmo discurso que se dá "na política nos medios, nas redes sociais, na cultura, tamén está presente no alumnado de secundaria".

A investigación de Agareso valeuse da experiencia dos colectivos que sofren o discurso de odio: mulleres migrantes sudamericanas, adolescentes de etnia xitana e rapazada migrante procedente de África. As súas pistas serviron para corroborar "tal cal, a foto que nos describiran".

Machismo

O colectivo xitano, salienta Díaz, "é o que de forma máis clara e directa recibe este discurso de odio, relacionado coa conflitividade, a violencia, coa incapacidade para os estudos". A voceira de Agareso asegura que cada colectivo sofre os seus propios estereotipos. "O alumando relaciona a raza negra con pateiras, pobreza extrema ou ausencia de dereitos humanos; a poboación árabe relaciónana con terrorismo, machismo e homofobia; as persoas latinas con bandas, violencia e drogas, e no caso das mulleres, tal e como nos relataran dáse unha cousificación brutal". O machismo é transversal no discurso de odio, "un engadido a calquera outra discriminación", afirma.

Contra este discurso Agareso propón un discurso alternativo que este curso artellou no proxecto Xeración Contrainfo. "Por unha parte é importante que sexan conscientes do impacto que teñen os medios e as redes sociais nas súas opinións, porque un 44% cre que son propias e nada teñen que ver con push externos e por outra animámolos a compartir un contradiscurso" creado desde a "empatía" por membros dos propios colectivos en primeira persoa.

Contranarrativas

Canda a Sonia Díaz, Ovidio Villar, docente e impulsor de 'Educando na diversidade' no IES Carlos Casares de Viana do Bolo e Marta G. Franco, xornalista e hacktivista presentaron os seus proxectos arredor do impulso educativo que deben asumir, da man, ensino e sociedade e das identidades trans, das contranarrativas que cómpren fronte ás agresións a persoas trans nas redes sociais, respectivamente.

Esta sexta feira, 16 de xuño, o II Cume Galego contra o Discurso de Odio despídese cunha xornada sobre Intelixencia artificial, nesgos e narrativas especialmente dirixida a organizacións e colectivos sociais.