As previsións da Aemet após un inverno "húmido e extremadamente cálido": que tempo fará esta primavera?

Dúas persoas tratan de refuxiarse da choiva cos seus paraugas na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O inverno que está a piques de concluír foi o máis cálido da serie histórica na Galiza, desde 1961.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que a primavera sexa "máis cálida do normal" na Galiza após un inverno "húmido e extremadamente cálido", segundo expuxo, en rolda de prensa, o delegado do organismo estatal no país, Francisco Infante.

Sobre o inverno que está a piques de rematar, dixo que foi "húmido e extremadamente cálido", con 1,8 graos por encima da media dun inverno habitual. "O máis cálido da serie histórica na Galiza, desde 1961", precisou, en liña co que ocorreu en xaneiro. En canto ás choivas, sinalou que choveu "un 14% máis do normal neste período"; "cinco días máis do normal", ao facelo 45 días e non os 40 que son habituais, concretou.

Das temperaturas, remarcou que "hai xa 27 meses que non se rexistra un mes máis frío do normal". "Todos foron máis cálidos e algúns normais, pero non máis frío do normal", sentenciou, para logo precisar que o último así foi "en novembro de 2021".

De decembro, destacou as néboas persistentes no sueste do país e as choivas rexistradas en municipios como Rois, na comarca do Sar. De xaneiro, dixo, á súa vez, que foi "extremadamente cálido", igual que un febreiro "cálido" sendo un mes "moi chuvioso, un 67% máis". De marzo, resaltou que estea a ser "máis frío do normal", aínda que apuntou que isto xa se vai "corrixir rapidamente".

Xa sobre o balance hídrico, sentenciou que a situación, desde o 1 de outubro de 2023 até o 30 de setembro deste ano, foi dun "superávit de precipitacións", e apuntou que "en principio" non haberá problemas coa auga, aínda que precisou que isto non compete a Aemet.

Predicións futuras

Para a Semana Santa, apuntou que "de momento non hai unha predición" que poida ser concluínte por un "comportamento inestábel que complica os prognósticos", aínda que avanzou que "probabelmente a semana que vén sexa máis cálida do normal e normal en canto a precipitacións".

"Climatoloxicamente falando, chove entre cinco e seis días á semana de media, o que non quere dicir que chova todo o día", dixo, aludindo ademais a que as temperaturas adoitan estar entre os 15 e 18 graos nas datas de Semana Santa.

Para abril, maio e xuño, expuxo que hai unha "alta probabilidade de que sexa máis cálido do normal na Galiza", cun comportamento na mesma liña en canto a precipitacións.