Entrevista

Leticia López-Castro: "A prevención é a chave contra o ciberacoso"

Retrato de Leticia López-Castro, investigadora do grupo Esculca da USC
Após analizar 1.169 familias con fillas nun total de 26 escolas, a investigadora Leticia López-Castro, do grupo Esculca da Universidade de Santiago de Compostela, denuncia o descoñecemento xeneralizado das situacións de ciberacoso que as menores sofren na rede. O seu traballo procura a prevención do fenómeno no eido doméstico.

Para nos situarmos, que se entende por ciberacoso?

Pois esa é unha moi boa pregunta, porque o certo é que non existe un consenso sobre a definición. Porén, vouche proporcionar unha definición que considero das máis concretas que se poden ofrecer. Sería un acto agresivo e intencionado para causar dano a unha persoa concreta —a vítima— a través das tecnoloxías, que pode ser mediante diferentes accións, por exemplo, acosar, ferir, intimidar, ameazar, excluír, denigrar, ridiculizar... Como resultado obtemos un desequilibrio de poder entre o agresor e a vítima. Que quere dicir isto? Pois que a vítima non pode defenderse doadamente e polo tanto queda atrapada nesa situación.

A investigación céntrase no ciberacoso en educación primaria. Que revelan os datos?

Atendendo ao traballo desenvolvido polo grupo Esculca de USC, o que revelan os datos en concreto é que en quinto e sexto de educación primaria o 6% das familias indica que os seus fillos foron vítimas, o 3% foron agresores e o 12% testemuñas de ciberacoso. 

Isto é preocupante atendendo ao elevado e crecente uso das tecnoloxías na infancia.

Efectivamente. Nós rexistramos unha frecuencia diaria do 41% segundo os datos das familias. 

En quinto e sexto de educación primaria o 6% das familias indica que os seus fillos foron vítimas, o 3% foron agresores e o 12% testemuñas de ciberacoso

E hai un descoñecemento por parte dos proxenitores en canto ao ciberacoso?

Por unha banda podemos dicir que os pais normalmente amosan unha prevalencia menor ao fenómeno, é dicir, que cando as investigacións se dirixen cara ás familias, o número de afectadas polo fenómeno é menor que cando se lles pregunta ás crianzas directamente. Isto débese ao descoñecemento e trátase de ter en conta cando se fan estudos. Considerando a desexabilidade social das respostas —isto é, as persoas responden o que estaría mellor visto socialmente— inténtase reducir un pouco este matiz.

Os nosos resultados indican que, dunha banda, cómpre mellorar a comunicación, a confianza e o clima familiar no fogar

Por onde pasan as solucións ao problema do ciberacoso? 

Os nosos resultados indican que, dunha banda, cómpre mellorar a comunicación, a confianza e o clima familiar no fogar. Pola outra, hai que traballar as competencias dixitais parentais para regular mellor o uso que fan os menores das tecnoloxías. Esta dobre vía sería o desexábel. Logo, de acordo tamén cos datos, sería moi importante fortalecer o vínculo que teñen o centro escolar e a familia, especialmente de cara a detectar as situacións de ciberacoso entre os distintos axentes nun momento temperán para poder traballalo canto antes. Neste senso, a prevención é a chave.