Pretenden arrasar a vexetación en 70 hectáreas de terreo en Sobrado dos Monxes para plantar eucaliptos

Verdegaia presenta alegacións contra un proxecto cuxo estudo de impacto ambiental fala de 'bondades' como a boa calidade da madeira ou a menor incidencia dos lumes respecto dunha especie pirófita que se usa ''única e exclusivamente'' para obter pasta de papel

A asociación ecoloxista Verdegaia vén de presentar alegacións contrarias a unha plantación de eucalipto no concello de Sobrado dos Monxes que pretende eliminar toda a cobertura vexetal existente na zona para substituíla por milleiros de exemplares da especie bioinvasora.

Segundo informou este sábado Verdegaia, o estudo de impacto ambiental recolle unha listaxe de supostos beneficios ecolóxicos, entre os que destacan a protescción da diversidade da flora, a fauna e a paisaxe. Mais para @s activistas "descualifícanse por si mesmos, á vista do impacto que suporá o desbroce total da superficie vexetal, o emprego de maquinaria no monte e a realización de traballos de subsolado".

O eucalipto, cuxa madeira se aproveita "unica e exclusivamente" para a obtención de pasta de papel, "non favorece ningunha especie de cogumelo autóctono e en ningún caso produce resinas", quéixanse desde Verdegaia fronte á listaxe de beneficios económicos que tería a plantación prevista en Sobrado dos Monxes. No mesmo documento afírmase que ao plantárense 70 hectáreas de eucaliptos "diminúen as masas forestais monoespecíficas", xustamente o proceder contrario ao que explican @s ecoloxistas, que ironizan con que se pretenda acabar cos monocultivos "precisamente coa plantación dunha especie exótica en 70 hectáreas". Tampouco se diminúe o risco de lumes, pois o eucalipto é unha planta pirófita e favorece a propagación dos incendios, ademais de empobrecer o solo.

A calidade da madeira desta especie "é moi baixa", polo que o argumento de que se producirá madeira de calidade tampouco vale a Verdegaia, como tampouco convence que un desbroce total da vexetación, con subsolado e movemento de maquinaria polo monte teña un impacto "indiferente" sobre o ciclo hidrolóxico, un impacto "positivo" sobre o solo e un impacto "compatíbel" coa fauna e coa flora. Por todo isto, a asociación ecoloxista vén de reclamar que este proxecto non sexa executado.