Un dos presuntos agresores de Samuel após a malleira: “Puto maricón, se era un maricón de merda”

Unha imaxe do mozo Samuel Luiz. (Foto: Cedida)

A homofobia manifestada por algún dos acusados da mortal malleira a Samuel Luiz fica patente no contido do sumario.

O sumario sobre a morte o 3 de xullo de Samuel Luiz na Coruña como consecuencia dunha brutal malleira en grupo recolle declaracións dos implicados agresión, así como de testemuñas que presenciaron o crime.

Segundo o escrito, ao que tivo acceso La Sexta, un dos membros do grupo agresor que non foi detido asegura que oíu Diego, un dos principais implicados polas probas de ADN, dicir a Samuel: "Pero que estás a gravar, maricón?". Unhas palabras que corrobora unha amiga de Samuel, presente nos feitos, que na súa declaración apuntou que o acusado se encarou á vítima dicindo: "Deixa de gravar, a ver se che vou matar, maricón".

Nese momento, segundo o auto, "comezou a agarralo fortemente polo pescozo en varias ocasións e a empuxalo, chegando a tiralo" ao chan. E engádese: "Un dos implicados di, nun momento da pelexa, que portaba unha navalla que sacou do peto dereito do pantalón á vez que dicía: 'Voulla a cravar no peito, vas morrer'", dirixíndose a Samuel.

"Que este mesmo home que ameaza Samuel pouco despois bátelle cunha botella no rostro, o que provoca que caese ao chan", continúa rexistrando o sumario, no que do mesmo modo se recolle a declaración dunha testemuña amiga de Ibrahima, o mozo senegalés que non dubidou en interpoñerse para axudar a Samuel, sobre o sucedido cando a vítima xa caera: "O home que estaba no chan non se defendeu en ningún momento nin fixo ningún acto de violencia contra os seus atacantes, só viu que lle pegaban moitísimo e que non se defendía".

Este mesma testemuña engade: "A pesar da protección que lle estaban dando, tanto el como o seu amigo  Ibrahima, os atacantes non cesaron en ningún momento nos seus ataques".

No sumario ao que tivo acceso La Sexta recóllese tamén outra declaración na que se afirma "que o que se atopaba no chan recibindo estes golpes (Samuel) tentou en varias ocasións levantarse, non lográndoo porque de maneira continua estaban a darlle patadas e puñadas". E precisa: "Na súa fuxida, nunca tentou defenderse nin realizou movemento hostil cara aos seus atacantes, tan só tentaba escapar deles".

Autopsia de Samuel

No escrito tamén se recollen as palabras doutra testemuña falando de como se atopou os agresores despois da brutal malleira. Segundo se expón no sumario, "a moza estaba moi enfadada por unha pelexa na que, ao parecer, estaba o seu noivo, e recriminoulle: 'Como o deixastes, algún día daranche a ti as  hostias'. E que o mozo a continuación dixo: 'Puto maricón, se era un maricón de merda'"..

“Teño un problema cos gais”

Ademais, e segundo recollen diferentes medios de Madrid, na súa declaración ante a Policía, tres días despois do sucedido,  Kaio, un dos acusados, sostivo que Diego, outro dos agresores, proferiría comentarios  homófobos na súa reunión unha hora e media despois da pelexa. “Teño un problema cos gais”, tería dito.