A prestación da eutanasia avanza malia dárense "actitudes non facilitadoras"

Flores e poemas na homenaxe a Ramón Sampedro na praia das Furnas (Porto do Son) no Día da Morte Digna, en xaneiro de 2019. (Foto: Europa Press)
Desde a entrada en vigor da Lei da eutanasia, en xuño de 2021, poucos datos transcenderon sobre o número de persoas que accederon á prestación da axuda a morrer na Galiza. A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) recoñece falta de transparencia e información suficiente na aplicación da norma.

Na Galiza, o desenvolvemento da Lei da eutanasia comezou cun "entorpecemento pasivo" por parte do Goberno galego, afirma Miguel Anxo García Álvarez, presidente de DMD. O psicólogo clínico fai balance do percorrido da norma no seu primeiro ano e destaca os atrancos cos que botou a andar. De entrada, a Xunta demorou até primeiros de xullo a creación da Comisión de Garantía e Avaliación, chave para facilitar o acceso á prestación da axuda a morrer. "Tiña que estar en vigor o 25 de xuño, como estaba, regulada e en pleno funcionamento, noutros territorios do Estado".

Nos albores da lei as dificultades tamén se trasladaron á documentación que as persoas que queren facer constar a súas instrucións previas a respecto dos coidados de saúde deben manexar. "No impreso inicial que facilita a Consellaría de Sanidade non se incluía a opción da eutanasia de forma expresa, polo que solicitamos a súa modificación". O Sergas mudou o formulario, "pero entón fixo outra máis", que foi a de incluír, tres opcións referidas á eutanasia -opto, non opto, non me pronuncio- no canto dunha soa. 

Temor innecesario

"Á eutanasia só se pode acceder nos supostos que recolle a lei por petición explícita e en condicións de plena capacidade da persoa, o mesmo que para outorgar instrucións previas e que estas sexan recollidas polo sistema", aclara García Álvarez. É un dereito que só se pode usar en positivo e que polo tanto só require unha opción. Que a Consellaría decidise introducir dúas máis no seu impreso só ten un precedente, en Madrid, "e consideramos que vén a reflectir unha iniciativa da Conferencia Episcopal en residencias de maiores para que fixeran as instrucións previas rexeitando a eutanasia 'porque, se non, poderían aplicárllela'".

O psicólogo clínico apunta unha "intención malévola" por parte da Administración que o único que consegue é introducir un temor, unha "inquietude" inxustificada. Por outra parte, desde DMD denuncian que segue sen cumprirse "unha obriga estabelecida na lei orgánica de facer a máxima difusión da lei entre as persoas e de formar os profesionais sanitarios no seu coñecemento e nas formas concretas para a súa prestación".

Malia recoñecer que na Galiza non se dá "unha oposición frontal á lei, porque non pode ser", Miguel Anxo García Álvarez observa unha "actitude non facilitadora" que non impediu que se desen avances.

Desde xuño do ano pasado non consta que se impedise ningún procedemento relacionado coa solicitude da eutanasia e só se rexistrou unha demora administrativa na asignación de médico responsábel. Con todo, di García Álvarez, "cómpre esperar á memoria da Comisión de Garantía e Avaliación para coñecer en detalle cantas solicitudes se realizaron, cantas persoas accederon á axuda e en que condicións".

A finais de febreiro Sanidade informou "dunha ducia de solicitudes en marcha, catro persoas que xa accederan á prestación e unhas 150 persoas obxectoras". A falta de actualizar estes números, o psicólogo clínico asegura que a porcentaxe de persoal médico que se nega aplicar a lei non é relevante nin impide o cumprimento do dereito. "A sensibilidade e a posición favorábel cara a esta prestación foi sempre moi alta", tamén na sociedade, onde se dá un "apoio transversal" cada vez máis significativo.

Solicitude e prestación

Desde o inicio da solicitude, a prestación da eutanasia, de ser o caso, pode chegar a resolverse no prazo de 40 días. O proceso comeza coa solicitude da persoa e continúa coa asignación dun médico responsábel encargado de acompañar o doente, analizar o seu padecemento e avaliar todas as  alternativas. Será quen solicite a valoración dun médico consultor.

De ir adiante o caso, a Comisión de Garantía e Avaliación nomeará unha comisión mixta -sanitario e xurista- que revisará o caso e remitirá un informe. A decisión final será da Comisión de Garantía. De ser favorábel, trasládaselle á persoas e acórdase con ela onde e en que prazo se lle proporcionará a prestación co equipo médico e de enfermaría designado.