Denuncian que dous presos independentistas están sometidos a unha "corentena ilegal" en Teixeiro

Concentración de familiares de persoas presas decorrida o pasado sábado fronte ao cárcere de Teixeiro (Foto: Nós Diario).
Abaixo os muros cualifica de "represalia" o illamento por mor da Covid de Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez Rodríguez, algo que, afirman, "vulnera o protocolo sanitario que o cárcere debe aplicar".

O colectivo Abaixo os muros vén de emitir esta sexta feira un comunicado no que denuncia que os presos independentistas Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez Rodríguez "permanecen nunha corentena ilegal" no cárcere de Teixeiro.

Esta situación, afirman, dáse desde hai 16 días e mantén os presos "en absoluto illamento, sen saídas ao patio e coas chamadas restrinxidas a unha cada dous días".

"Logo de daren positivo en Covid foron postos en corentena e, incumprindo o protocolo do Consello Interterritorial de Saúde, que regula a actuación fronte á Covid nos centros dependentes de Institucións Penitenciarias, realizóuselles unha nova PCR, na que volveron dar positivo, aínda que non teñen síntomas de tipo ningún", sinala a entidade.

Esta práctica, sosteñen, "non se dá en ningún lugar" e "vulnera o protocolo sanitario que o cárcere debe aplicar", que nesta cuestión, salientan, estabelece que "os casos confirmados por proba diagnóstica de infección activa (PDIA) serán illados sanitariamente en cela durante sete días, con cando menos tres días sen síntomas, sen necesidade de realizar outra PDIA".

Desde Abaixo os muros denuncian a "tortura encuberta que se está a aplicar nos centros penitenciarios galegos, nomeadamente nos centros da Lama e Teixeiro", e lembran que a denominada 'Lei Mandela', que regula o tratamento penitenciario a nivel internacional, "considera tortura o illamento igual ou superior aos 14 días".

"Consideramos que a persecución que están a sufrir os dous compañeiros, Xanma e Miguel, forma parte dunha serie de represalias pola sua militancia política e pola presión que, desde fóra dos muros, familiares e achegadas estamos a facer a prol dos dereitos das persoas presas, dramaticamente recortados coa escusa da pandemia", censuran.

Por último, o colectivo fai un chamamento á "fin dos abusos penitenciarios en nome da Covid" e pide que se "esclarezan as responsabilidades".