Os presos galegos chaman a secundar a manifestación de Causa Galiza no Día da Patria

Nun comunicado enviado desde os cárceres, o Colectivo de presos independentistas galegos reclaman de toda a cidadanía galega unha participación "activa" nas mobilizacións soberanistas convocadas para esta xornada co obxectivo de converter Compostela "nun exemplo de dignidade e resistencia colectiva"


O Colectivo de presos intependentistas galegos --CPIG-- vén de facer público un comunicado en que chama "a toda a cidadanía galega a participar activamente nesta xornada de loita e reivindicación dos nosos dereitos nacionais", en referencia ao 25 de Xullo, Día da Patria. 

Desde os cárceres onde cumpren prisión preventiva submetidos á dispersión, Antom Santos, Roberto R. Fialhega 'Teto', Xurxo R. Olveira, Eduardo Vigo, Carlos Calvo e Hadriam Mosqueira 'Senlheiro' revólvense contra "a acelerada fascistización" do Estado español e confían en que o Día nacional sirva para converter a capital do País "nunha expresión de dignidade e resistencia colectiva ante as agresións do poder español".

"Saúdo" ao soberanismo de esquerdas

​Após enviar "un saúdo" a todas as organizacións que nesta quinta feira reclamarán a soberanía nacional e o poder popular "como necesaria saída á opresión estrutural que a Galiza sofre", o Colectivo de presos chama a secundar a mobilización convocada por Causa Galiza "facendo sentir con forza o independentismo revolucionario nas rúas de Compostela". 

Ao igual que a manifestación do Bloque, tamén CG convocou a súa para as 12h na Alameda, polo que andarán as rúas da capital galega á mesma hora que a formación frontista. Porén, os seus camiños sepáranse para o acto final, que Causa Galiza realizará na Praza do Toural namentres o BNG continuará, coma cada ano, até a Quintana.