A presión social obriga o Concello de Vigo a comprometer un piso para Analía Méndez

[Imaxes: SG]

Após varios días de mobilizacións para evitar que esta muller, a cargo de dúas fillas de 10 e 15 anos, quedase na rúa, o goberno municipal recuou e cederá unha vivenda das 18.000 que hai baleiras na cidade.


A mobilización social coordenada desde a plataforma Stop-desafiuzamentos de Vigo non logrou evitar o desafiuzamento de Analía Méndez e das súas fillas de 10 e 15 anos, mais si arrincou do Concello o compromiso de mover ficha para que as tres mulleres non fiquen na rúa.

Após consultar se para lle adxudicar unha vivenda de protección social é necesaria unha denuncia previa da propietaria do inmoble onde Méndez vivía de aluguer, o alcalde, Abel Caballero (PSdG-PSOE), cederá ben un piso de maneira provisional ubicado na rúa Anduriña namentres a caseira presenta a denuncia de esta ser requerida ou, de non o ser, permitirá que a viguesa se instale xa de maneira definitiva canda a súa familia nun dos dous inmobles que o goberno municipal ten sen adxudicar. 

A reacción do Concello foi confirmada a Sermos Galiza pola activista Clara Fervenza, integrante da mencionada plataforma contra os despexos. Porén, non chegou sen tempo. Nun primeiro momento o único que Analía Méndez recibiu da concellaría de Participación Cidadá foi axuda para tramitar unha prestación de emerxencia e a renda de inserción Risga, para alén dun cheque por valor de 300 euros que non solucionaba a súa situación.

Un acordo coa propietaria da vivenda que tiña alugada deulle 10 días de prazo para abandonar o inmoble ao non poder facer fronte nin ao aluguer nin aos recibos. Méndez, con dúas fillas ao cargo e separada da súa parella ao se atopar en situación de violencia machista, non ten ingresos de ningún tipo desde marzo de 2013 e acumula unha débeda de 5.500 euros. Nunha soa rúa, a Rosalía de Castro, o Concello posúe 50 vivendas baleiras. Delas 10 cederallas ao Adif e outras 40 venderáas para conseguir ingresos que servirán para construír a chamada 'Cidade da Xustiza'.