ADEGA E SOMOS CEDEIRA

A presión popular fai recuar a Costas da ‘’desfeita ambiental’’ da praia da Madalena

somos cedeira

A Fiscalía Ambiental do TSXG confirma que desistiu do proxecto de deitar 172.000 toneladas de area na praia da Madalena e na reserva mariña de Cedeira.

 

A Fiscalía ambiental do TSXG comunicou o arquivo da denuncia penal interposta por diversos colectivos colectivos, entre eles Somos Cedeira e Adega, contra a intención de Costas de botar milleiros de toneladas na Praia da Madalena. “O que confirma que Costas desistiu”, sinalan desde Adega. “Dez meses despois de que se fixese pública a intención da Demarcación de Costas de deitar 75.000 metros cúbicos (unhas 172.000 toneladas) de area na Praia da Madalena (Cedeira), a presión social freou este absurdo proxecto”. 

A finais de xaneiro o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente comezaba o proceso de avaliación ambiental dun proxecto no que se ían deitar 75.000 m3 de area na Praia da Madalena e construir un dique de encanamento no río Condomiñas, para combater os efectos dos temporais na costa. SomosCedeira e Adega denunciaron o absurdo da actuación. “Tanto polo que supuña o aporte de area de parche curtopracista que non solucionaba nada, senón tamén porque a erosión das praias é un problema que se agrava co aumento do nivel do mar, e cumpre tratar de buscar unha solución definitiva”.  Tamén allertaban ambos os dous colectivos sobre as deficiencias do proxecto de Costas: “Unha pobre fundamentación científica, especies inexistentes, erros ortográficos, etc. pero o máis grave é que ocultaba deliberadamente que a praia está dentro da “Reserva mariña de interese pesqueiro da Ría de Cedeira”, unha área protexida a todos os efectos”. 

Na primavera de 2014 despois da vaga de cicloxéneses invernais, o goberno español destinou 44 millóns de euros para "reparar" os danos dos temporais. Este investimento traduciuse nunha vaga de recheos de area por todo o litoral galego. “En Cedeira anunciaron que o recheo era inminente (antes da tempada de verán). O 17 de abril, ante o inmediato comezo das obras, un cento de persoas manifestamos a nosa oposición a este proxecto concentrándonos na praia, e cinco meses despois, o 10 de setembro, repetiríase un acto semellante”. “Grazas a estas mobilizacións nada se volveu saber da actuación "estrela", o recheo de area, aínda que si se levaron a cabo outras obras de "contención e estabilización". Adega lembra que entón as máquinas entraron na praia para escavar unha zanxa ao pé da duna e soterrar unha fila de paus. Esta acción que xustificaron para estabilizar a duna non tiña fundamento científico nin estaba demostrada a súa eficacia, polo que SomosCedeira, ADEGA, ANOVA, EU, BNG e Galiza Nova presentamos unha denuncia na Fiscalia de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza”