A presión hospitalaria segue en aumento até os 220 ingresados e os casos activos soben a 3.022

(Foto: Arxina)

Os novos contaxios de Covid descenden a 127, a cifra máis baixa desde hai dúas semanas.

A presión hospitalaria mantén a tendencia ascendente e os pacientes Covid ingresados aumentan até os 220, o que supón seis máis que a xornada anterior, e os casos activos volven incrementarse lixeiramente, até os 3.022, mentres os novos contaxios deste coronavirus caen a 127.

Segundo os datos actualizados até a mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, aumentan a 46 os pacientes Covid en UCI en Galicia, un máis, e ascenden a 174 os que permanecen noutras unidades, cinco máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro das sete: A Coruña e Cee, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Lugo; mentres que descende nas de Santiago e Barbanza, Vigo e Ferrol.

En canto ás infeccións activas, após o lixeiro descenso do inicio desta semana, volveron ascender até situarse en 3.022, que supoñen sete máis, ao haber máis contaxios (127), que altas (118), aos que se suman dous falecementos.

Os casos activos soben nas áreas de Vigo (+16), A Coruña e Cee (+8), Ourense (+7) e Santiago e Barbanza (+6); baixan nas de Pontevedra e O Salnés (-27) e Ferrol (-3), mentres que se manteñen na de Lugo.

Pola súa banda, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba descenden a 127 tras principiar esta semana con 159, despois de varias xornadas por riba dos 200.

Dos novos positivos, 101 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, dos que 27 corresponden á área de Vigo; 25, á da Coruña e Cee; 13, á de Lugo; 12, á de Pontevedra e O Salnés; outros 12 á de Santiago e Barbanza; 11, á de Ourense; e un, á de Ferrol.

As persoas falecidas desde o inicio da pandemia diagnosticadas de Covid-19 na Galiza ascenden a 2.384, despois de notificar Sanidade este luns dous novos óbitos.