A presión hospitalaria reséntese cunha lixeira repunta dos ingresos

Persoal sanitario toma mostras a unha muller para a realización dun test de antíxenos (Ricardo Rubio / Europa Press)
A presión asistencial derivada da Covid-19 na Galiza volveu subir nas últimas horas. Hai 48 pacientes hospitalizados. Tamén aumentaron os casos activos até os 1.451. Os novos contaxios detectados baixaron até os 127, aínda por riba do centenar, debido principalmente aos surtos relacionados coas viaxes de fin de curso.

Así se extrae dos datos publicados na mañá deste domingo pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas do sábado. A cifra de persoas ingresadas por coronavirus ascende de 42 a 48, o que deixa 36 doentes en planta, seis máis, e 12 en unidades de coidados intensivos, sen cambios.

Con todo, a presión asistencial derivada da Covid-19 nos hospitais galegos segue a ser menor que hai unha semana, con 12 pacientes menos.

Por áreas sanitarias, a cifra global de hospitalizados subiu na Coruña e Cee (+3), Pontevedra e O Salnés (+1), Ourense (+1) e Lugo (+1). O resto non rexistrou cambios, de maneira que Santiago Ferrol e Vigo seguen sen doentes ingresos en planta, máis si áreas de críticos.

Casos activos e contaxios

En canto aos casos activos de Covid-19, crecen por cuarta xornada consecutiva até os 1.451, 38 máis que o día anterior, en niveis de mediados de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, o ascenso afectou a todas as áreas sanitarias salvo ás da Coruña e Lugo

Os novos contaxios por coronavirus detectados con calquera tipo de proba descenderon até os 127, segundo Sanidade, medio cento máis dos rexistrados hai unha semana. De feito, a suba de novos positivos diarios nas ultimas xornadas elevou a media semanal por riba do centenar, despois de manterse varios días por baixo dese limiar, na contorna dos 80.

Positividade e incidencia acumulada

Tras superar esta semana a barreira de 5%, a taxa de positividade volveuse moderar até situarse en 2,7%.

Pola súa banda, a incidencia acumulada mantén unha lixeira tendencia á alza tanto a sete como aa 14 días con 28 e 48 casos por 100.000 habitantes respectivamente. O conxunto do territorio permanece en risco baixo, ao non superar os 50 casos a dúas semanas, mais o crecemento da incidencia a sete días fai prever unha suba importante como consecuencia dos gromos derivados das viaxes de fin de curso. De momento, na Galiza, ocasionaron 70 contaxios e manteñen 600 persoas en corentena.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no conxunto de Galicia son 2.435, tras non notificar Sanidade ningunha outra vítima.