crise dos pellets

O presidente da Deputación de Lugo exixe a dimisión do conselleiro do Mar: "As súas declaracións son vergoñentas"

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Parlamento galego).
“Nunca demostrou preparación nin coñecemento sobre a actividade pesqueira" espetou o titular da Deputación de Lugo sobre o conselleiro do Mar.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, exixiu esta quinta feira a dimisión "inmediata" do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, polas “inaceptábeis e vergoñentas” manifestacións que fixo na cuarta feira sobre os pellets de plástico que inundan as costas galegas.

"Nunca demostrou preparación nin coñecemento sobre a actividade pesqueira. De feito, cando tomou posesión, el mesmo recoñeceu que ía dedicar o seu tempo a coñecer o sector", dixo Tomé. Para el é algo “incomprensíbel”, que o Conselleiro do Mar non “saiba nada da materia e dos recursos que lle toca xestionar e as súas declaracións non deixan lugar a dúbidas da súa total incapacidade para exercer o cargo que ostenta, e nin sequera para representar a cidadanía”.

Polo tanto, segundo a opinión do presidente da Deputación de Lugo, debe apartarse ou que o Presidente da Xunta, o señor Alfonso Rueda, o aparte. “Queda moi pouco para un cambio de goberno na Xunta da Galiza, pero cando menos, que non siga facendo o ridículo, nin insultando a intelixencia dos galegos e galegas”. “O primeiro que ten que facer este señor é aprender vocabulario para dirixirse á xente”, recalcou Tomé.

O aparello dixestivo dos peixes

O mandatario referiuse desta forma ás manifestacións nas cales o Conselleiro do Mar asegurou ante os medios de comunicación: “Non sei se alguén come o aparello dixestivo dos peixes. Non sei. Eu non. Eu intento apartalo. Son produtos que entran, como se calquera persoa comera accidentalmente algún plástico, porque entran por onde entran e saen por onde saen”.

Trátase, en todo caso, subliñou o Presidente da Deputación luguesa, da “última perla” dunha Xunta que “non o puido facer peor” ante o desastre ambiental provocado pola marea de plástico, e que segue “na roda de mentiras, de incompetencia e de soberbia” na cal está instalada desde hai un mes “tratando de minimizar o problema”.

“No Prestige eran ‘hilillos’ de plastilina, agora son boliñas de plástico. O manual é o mesmo: mentir, ocultar e botar a culpa aos demais, esperando a que o Goberno do Estado, os concellos e a xente lle resolvan a papeleta”, espetou Tomé.