A presidenta do comité de HM A Rosaleda sobre os despedimentos: "Desde o meu punto de vista, non é certo que non estean en 'primeira liña'"

Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela (Imaxe: HM Hospitais)
A compañía HM Hospitais asegurou nun comunicado que a circular que enviou ao seu persoal convidándoo a tomar vacacións só foi difundida entre os "servizos non asistenciais". Porén, a presidenta do comité de empresa dun dos seus centros en Compostela, o policlínico HM A Rosaleda, afirma que se difundíu na grande maioría dos servizos, tamén nos asistenciais. HM Hospitais tamén argumentou que non realizara ningún despedimento, senón que unicamente "non se renovaron contratos temporais". De novo, a presidenta do comité do centro compostelán contradí estas afirmacións.

A pasada semana Nós Diario e outros medios de comunicación fixéronse eco dunha denuncia do comité de empresa do policlíno HM A Rosaleda, centro situado en compostela da privada HM Hospitais, arredor do despedimento de varias traballadoras unha vez decretado o estado de emerxencia. O comité tamén partillou un documento no que amosan como a compañía anima as súas traballadoras a tomar vacacións ou reducir a súa xornada. Desde a directiva do centro aseguraron que esta circular foi remitida exlusivamente a traballadoras que non se atopan na "primeira liña" da "loita" contra a COVID-19, segundo os termos empregados no documento, e que a "reorganización" do persoal limítase aos "servizos non asistenciais" ao tempo que se "reforzan os asistenciais relacionados coa atención da COVID-19".

A presidenta do comité de empresa do policlíno HM A Rosaleda e traballadora no servizo de radioloxía, Ana Varela, reafírmase nunha entrevista das súas acusacións e sinala que algunhas das traballadoras despedidas son técnicas de raios. "A todo paciente susceptíbel de estar contaxiado por coronavirus ten que realizárselle unha placa", apunta.

Desde o comité de empresa do policlínico de HM A Rosaleda denunciastes que se realizaron despidos unha vez decretado o estado de alarma.

O primeiro despido do que tivemos coñecemento foinos comunicado a pasada sexta feira nun grupo de whatsapp, o dunha técnica de raios, mais fíxose efectivo na segunda feira. Ese mesmo día producíronse todos os despidos dos que temos constancia, cinco en total. Os de dúas técnicas de raios do policlínico da Rosaleda; unha delas estaba a cubrir a baixa doutra traballadora aínda non incorporada e outra a miña redución de xornada, indefinida. Tamén o dunha técnica de raios do centro da Esperanza que tamén cubría a baixa doutra profesional aínda non incorporada, unha traballadora do servizo de oncoloxía, administrativa, e outra do servizo de consultas e recepción da Esperanza.

Como delegada da CIG e presidenta do comité a dirección da empresa non se puxo en contacto para informarme de nada, todos os casos foron advertidos polas traballadoras.

Nun comunicado, HM Hospitais asegura que é falso que se produciran despidos, explicando que "a realidade é que non se renovaron contratos temporais de persoal que non está na primeira liña da batalla contra a COVID-19".

Para comezar, estamos falando de persoal que traballa no servizo de raios, desde o meu punto de vista non é certo que non estean ‘na primeira liña’. A todo paciente susceptíbel de estar contaxiado por coronavirus ten que realizárselle unha placa. Ademais, teño que dicir que as dúas rapazas da Rosaleda estiveron en contacto con pacientes coa COVID-19 e foron enviadas para casa sen que se lles realizasen probas, sen saber se foron contaxiadas ou non.

Cal é o nivel de actividade actual no policlínico?

Hai unha redución, claro, porque desde a pasada segunda feira o Sergas deixou de derivar pacientes. O centro ten un concerto con Sanidade, e tomouse a decisión na sexta feira que as cirurxías, as resonancias de pacientes derivados serían aprazadas. Diso non cabe dúbida. E as médicas do centro seguen a pasar consulta ou a realizar cirurxías, mais claro, en menor volume, ao fin e ao cabo estamos en plena alerta sanitaria. O que non quere dicir que non teñan que ter a disposición do Sergas a todo o seu persoal. Non poden animalos a coller vacacións, tampouco despedilos.

No mesmo comunicado, HM Hospitais afirmou que o comunicado no que insta ás traballadoras a tomar vacacións ou unha redución das súas xornadas foi enviado ao "persoal non sanitario e non esencial na crise da COVID-19".

Na Rosaleda, os únicos servizos nos que non puiden confirmar o difusión desa circular son os de urxencias, que só faltaría, e no de mantemento. No de hospitalización colgaron o comunicado no taboleiro de anuncios, en servizos xerais de limpeza, no de raios foi a propia supervisora a que o compartiu e tamén no de admisión, neste caso por correo electrónico. Tamén en consultas, en administración ou contabilidade.

O persoal médico ou de enfermaría tamén recibiu esta circular?

En quirófano si, as enfermeiras. En planta está publicada, onde traballan enfermeiras, auxiliares de enfermaría ou celadoras.

-Están a tratar a doentes contaxiadas pola nova cepa de coronavirus?

-Hai varias pacientes ingresadas e o persoal do centro demanda máis traballadoras porque non somos suficientes. Estamos falando dun centro privado, no que sempre estamos ao mínimo de profesionais. Hai polo menos dúas semanas que chegaron as primeiras doentes e teño información tamén de contaxios entre o persoal. As medidas que tomou o centro a nivel de prevención son poucas.

As enfermeiras de planta daban de comer ás doentes con coronavirus coa protección dunha máscara quirúrxica até a pasada sexta feira, cando chegaron as FFP2 e FFP3 necesarias para realizar esta acción. A máscara quirúrxica pode servir de protección se a doente tamén a leva, pero ese non é o caso mentres xantan. Non temos material, entendemos que tal vez non o haxa, pero se non o hai non podemos atender a persoas contaxiadas.