Presentan o plan de uso do Cárcere da Coruña

Actividades do Proxecto Cárcere
A Plataforma Proxecto Cárcere da Coruña presenta hoxe un Plan de Viabilidade realizado a partir das propostas de uso e rehabilitación do edificio provintes de persoas e colectivos da cidade e o seu entorno.

Hai máis dun ano que unha serie de colectivos, reunidos nunha Plataforma Cidadá, decidiron traballar para recuperar o antigo cárcere da Torre como centro sociocultural e da memoria. O denominado 'Proxecto Cárcere' pensouse coma “unha ferramenta de articulación das necesidades e propostas da cidadanía da Coruña para o edificio do antigo cárcere da Torre, na actualidade en desuso”, explican no seu blogue. Desde entón realizaron numerosas actividades (limpeza do recinto, actuacións musicais, teatro, exposicións,...) e prepararon un Plan de Viabilidade que hoxe presentarán á cidadanía.
As diferentes propostas de rehabilitación e uso dos espazos apostan por manter o edificio coa súa estrutura orixinal, baseado en principios de “adaptabilidade, sustentabilidade, participación e baixo custo”, segundo apunta a Plataforma. O Cárcere vai ser, para este colectivo, “como un espazo de encontro, coñecemento e participación cidadá, con propostas sociais, artísticas, culturais e turísticas, un centro sociocultural e da memoria a convivir con un albergue xuvenil, vivendas sociais, centro de interpretación da Torre...”.

O Cárcere vai ser “como un espazo de encontro, coñecemento e participación cidadá"

Financiamento
O Plan de Viabilidade considera ao cárcere da Torre un “ecosistema” de xestión a medio e longo prazo cun “financiamento sostible e sustentábel, considerando diferentes fontes de ingresos. A Plataforma xa se puxo en contacto con varias administracións e solicitou ao concello da Coruña que  teña en conta nos seus orzamentos este importante espazo da cidade.
A Plataforma deixa aberta a porta á entrada de novas propostas e a negociacións que faciliten a recuperación do cárcere e o seu uso por parte da cidadanía coruñesa. A presentación terá lugar ás 20 horas no ximnasio do Colexio Curros Enriquez (Campo de Marte, s/n) acompañada dunha actividade lúdica-festiva no Campo de Marte que durará desde as 19 horas até a media noite.