Presentan no Parlamento a ILP contra a incineración con máis de 20 mil sinaturas

Presentación ILP
A comisión promotora para que se debata no Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra a incineración e a favor da reciclaxe presentou máis de 20 mil sinaturas no rexistro. A grande acollida desta iniciativa representa, para os membros desta comisión "unha implicación da sociedade galega a favor doutro tipo de tratamentos diferentes aos que practica SOGAMA".

"Misión cumprida". Con estas palabras expresabase Fins Eirexas, secretario de ADEGA e membro da comisión que montou esta ILP, após a presentación no rexistro do Parlamento das máis de 20 mil sinaturas recollidas estes días. O mínimo exixido para presentar unha iniciativa popular e que teña a posibilidade de debate nun pleno do Parlamento son quince mil polo que desde a comisión consideran que non tardará moito en tramitarse.

"Falta a verificación por parte da xunta electoral para logo pasar á Mesa do Parlamento que é quen ten que poñela nunha orde do día en Pleno". A data dependerá da decisión da propia mesa con maioría do PP. "Iniciativas como a da Red Madre tiveron unha tramitación rápida, outras como a da sanidade pública, varias do galego ou a das preferentes foron adiadas durante meses e pasaron máis dun ano no caixón", sina Fins Eirexas.

"Queremos que se cumpra a Lei"

A comsión que presentpou hoxe esta ILP está satisfeita coa resposta da xente. "Indica a implicación da sociedade galega a favor doutro tipo de tratamentos diferentes aos que practica SOGAMA, o 80% do lixo deste país". O secretario de ADEGA e membro da comisión explica que o goberno galego fai máis fincapé "en incinerar a maior parte dos residuos cando a lei europea, estatal e autonómica di todo o contrario".

Fins Eirexas denuncai que "contrariamente a estas leis temos un Plan de residuos aprobado recentemente polo PP que establece a incineración como principal sistema para o tratamento de residuos". A presentación desta ILP é "unha reacción diante de iniciativas como a de orzamentar 240 millóns de euros para unha incineradora que polo que parece vai rematar cunha ampliación da que existe en Cerceda". Eirexas considera que "o triste é que teñamos que acudir a estas inicitaivas para pedir que se cumpran as leis".

"O triste é que teñamos que acudir a estas inicitaivas para pedir que se cumpran as leis".

Cancro

ADEGA leva anos exixindo outro modelo de xestión dos refugallos e rexeitando a incineración. A asociación ecoloxista deu a coñecer hai uns meses un estudo realizado polo Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, e publicado na revista Environmental International. Nel conclúese que a poboación que reside preto das incineradoras ten un maior risco de padecer cancro.

Entre os tumores que, segundo este estudo, poden producirse debido a cercanía das incineradoras atópase o de estómago, o de pulmón, o de pleura, o de ril e o de ovario. Ademais estes cancros poden manifestarse con maior probabilidade nas persoas que viven a menos de cinco kilómetros destes emprazamentos, tal é o caso de numerosos veciños de Cerceda, parroquias de Carral, Ordes…