Presentan alegacións contra o parque eólico Porto Vidros por "incompatibilidades"

Presentación das alegacións no Rexistro do Concello de Cerdedo-Cotobade (Foto: Nós Diario).
Afectaría diferentes parroquias dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.

O BNG vén de presentar alegacións contra o parque eólico Porto Vidros, nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro e promovido por Naturgy, "polos prexuízos que suporá para os intereses da veciñanza", segundo xustificou a formación nacionalista.

Na presentación do escrito no Rexistro do Concello de Cerdedo-Cotobade, o portavoz municipal do Bloque, Ernesto Filgueira, estivo acompañado por veciños e veciñas das parroquias afectadas.

Nas súas alegacións, o BNG pide o rexeitamento do estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal —expostos a información pública no Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 8 de abril—, así como da declaración de utilidade pública —que abriría a porta á expropiación dos terreos—.

Este proxecto prevé a implantación de tres aeroxeradores de 163 metros de lonxitude e unha liña eléctrica aérea de máis de 6,5 quilómetros cruzando desde Pedre até o monte de Quireza.

Os muíños ficarían "a menos de 200 metros das casas afectadas", advirten desde a formación frontista, que tamén apuntan á "incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos".

Posíbel fragmentación artificial

Aliás, o BNG alerta da "fragmentación en distintos proxectos sectoriais" dos parques eólicos que se están a tramitar na mesma contorna: Campo das Rosas e Touriñán III-2, alén do xa activo Pico Touriñán.

Estes proxectos súmanse a outros previstos no municipio como Siroco —con once aeroxeradores—, que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e que a semana pasada foi exposto a información pública, ou Pedra Longa, competencia da Xunta.