Obxectivo: 3000 asinantes antes do 31 de xullo

Primeiras presentacións do Diario Galego na Coruña e Arcade

Asistente á presentación do 'Diario Galego' na Coruña. Foto: cedida.

A campaña de presentacións públicas do Diario Galego arrincou onte, sexta feira, na Coruña e en Arcade (Soutomaior). O obxectivo, acadar 3000 asinantes antes do 31 de xullo e así poñer en marcha unha cabeceira diaria en papel en 2019.
 

No acto da Coruña, organizado pola asociación cultural Alexandre Bóveda na Fundación Luís Seoane, participaron o músico e escritor Antón Reixa, a presidenta da agrupación María Xosé Bravo e máis o presidente do consello de administración de Sermos Galiza Xoán Costa.

En Arcade, foi a plataforma Queremos Galego a encargada de promover a presentación. Falaron a xornalista e escritora Ana Cabaleiro e máis a directora do semanario Sermos Galiza, María Obelleiro.

 

Máis actos a vindeira semana


A socialización do proxecto do Diario Galego continúa esta terza feira, 29 de maio, en Arzúa. A Mesa pola Normalización Lingüística convoca ao acto na capela da Madanela -na rúa Cima do Lugar- ás oito e media do serán. Intervirán Lucía López Sobrado, da Mesa, a actriz Isabel Risco e mais Xoán Costa.

 

A quinta feira 31 de maio, haberá presentación nas Neves. Será o propio concello quen chame ao acto, ás nove da noite no Centro de Interpretación da Taboexa. O alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez e mais Marga Romero, escritora e membro do consello de administración, serán os poñentes.

 

Tamén a quinta, 31 de maio, haberá acto en Bueu, convocado pola Asociación para o Debate Ricardo Buceta. Será ás 20.30h na Sala Amalia Domínguez Búa e intervirán Tere Barro, vicepresidenta da asociación; Fernando Miranda, libreiro, e Xoán Colazo, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

O Diario Galego precisa de 3000 persoas asinantes antes do 31 de xullo. Será a base sobre a que, en 2019, se constrúa o único diario en papel en galego dos quioscos.

 

Sorteo


Na campaña de promoción de O Diario Galego, Sermos Galiza, S.A. sortea unha fin de semana (aloxamento e almorzo para dúas persoas) no Pazo da Pena (Manzaneda) entre as persoas que se subscriban antes do 30 de xuño. Tamén entran no sorteo quen se subscribiron a O Diario Galego desde xaneiro.

 

Nota: na foto de enriba, de esquerda a dereita, María Xosé Bravo, Xoán Costa e Antón Reixa na presentación da Coruña. Na segunda, acto de Arcade (Soutomaior).