As presas teñen dereito a falar coa prensa, di o Constitucional

Á esquerda, Valentín Aguilar, da APDHA e letrado do caso (Imaxe: Esculca)

A xustiza recoñece que as persoas presas teñen dereito a falar cos medios de comunicación.

O Tribunal Constitucional (TC) resolveu onte en favor dun preso de Córdoba que fora sancionado por conceder unha entrevista a un xornalista.

Coa sentenza de onte a xustiza recoñece que as persoas presas teñen dereito a falar cos medios de comunicación, o que implica o estabelecemento do dereito á liberdade de expresión das reclusas, o dereito á liberdade de información das e dos profesionais e o da poboación a ser informada de asuntos de interese público.

A sentenza implica o estabelecemento do dereito á liberdade de expresión das reclusas

A resolución de onte da sala segunda do Constitucional deu pois a razón á Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía (APDHA). Hai dous anos esta entidade aprensentara un recurso ante a negativa do cárcere de Córdoba a conceder a un xornalista unha entrevista cun preso dentro da prisión.

O centro impediu o encontro alegando que non existía motivación que xustificase a necesidade da comunicación, e asegurou que non existían garantías para manter a orde nas dependencias.

Finalmente, o xornalista realizou unha primeira entrevista ao preso, sen ter o permiso do centro, aproveitando unha visita regular á cadea. Cando  se publicou a entrevista, o preso resultou sancionado con privación de paseos e actos recreativos comúns durante un mes.

O estabelecemento do castigo para o preso foi denunciado pola APDHA, xa que viña a demostrar que as persoas presas non tiñan dereito a informar nin as e os profesionais da comunicación a solicitar deles información polo feito de estaren recluídos.

Onte, desde Institucións Penais, órgano dependente do Ministerio de Interior español, responderon á sentenza do Tribunal Constitucional indicando que xa levan meses preparando unha nova directriz, coa que se abrirá a porta a este tipo de prácticas mais, con todo, anticiparon xa dous límites ben ambiguos: "o regulamento penal" e "a protección ás vítimas".