Discapacidade e presidio na Galiza

Presas con discapacidade: duplo cativerio

[Imaxe: SG]

Son persoas con discapacidade xulgadas e condenadas a unha pena de prisión. Comparten módulos e un réxime interno de carácter disciplinario moi estrito que malia todo busca a rehabilitación das reclusas e reclusos en igualdade de condicións e oportunidades. No seu caso a realidade debuxa un escenario inzado de límites. No acceso á xustiza, á sanidade, ás comunicacións. Son máis vulnerábeis e teñen dificultades engadidas á hora de exerceren e de reclamaren os seus dereitos. Contan con persoal de apoio dentro e fóra da cadea, pero non abonda. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 332 de Sermos Galiza.

Ana María Castro visita o cárcere da Lama cada semana. Forma parte da comisión penitenciaria do Colexio de Avogados de Pontevedra, que presta asistencia xurídica gratuíta ás presas e presos. Tramitan queixas, recursos sinxelos, terceiros graos, moitos divorcios e calquera outra cuestión que non interceda cos asuntos propios que lles levan os seus avogados. “Imos unha tarde enteira e traemos traballo para varios días”. Ana María é avogada especialista en discapacidade e dependencia.

 

A súa experiencia levouna a observar con detemento a situación das persoas reclusas con diversidade funcional dentro da prisión. “Cada día vía que non se cumprían os dereitos que recollen os acordos internacionais así que decidín estudar con detalle a situación dos presos con discapacidade”. Desde hai máis de seis anos desenvolve unha tese que analiza o grao de cumprimento da convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade no contorno penitenciario.

 

Segundo os últimos datos facilitados por Instituciones Penitenciarias, a finais de 2017 había 4.823 presas e presos con discapacidade internos en todo o Estado, arredor do 10% da poboación reclusa. Hoxe na Galiza hai 320. Presas e presos con discapacidade física, psíquica, intelectual e sensorial con necesidades específicas.

 

Á procura dun ambiente carcerario accesíbel

 

Nin a Lei Orgánica Penitenciaria de 1979 nin o Real Decreto de 1996 que desenvolve o Regulamento Penitenciario falan de discapacidade, así que son os tratados internacionais máis a Lei Xeral dos dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, de 2013, os que rexen e requiren un contorno penitenciario accesíbel ás persoas con diversidade funcional, sen barreiras que impidan a súa participación plena e efectiva no día a día, coas mesmas oportunidades que o resto dos internos.

 

Un logro complicado nun “contexto escuro, pouco transparente e sen fluxos de información” como é o carcerario, di Fernando Blanco, secretario de Esculca, o Observatorio pola defensa dos dereitos e as liberdades. Desde os seus inicios, a asociación vixía e denuncia as violacións máis graves que se dan dentro dos cárceres, ademais de atender puntualmente asuntos relacionados coa sanidade penitenciaria e o estado das infraestruturas que rodean as persoas presas. “Traballamos aspectos relacionados coa tortura, cos malos tratos, casos de privación indebida.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]