Preocupación por que se repita o que pasou en 2006 e 2013: as cinzas dos incendios nas rías galegas

Preocupación e expectación no sector do mar polo risco de que as fortes choivas do temporal ‘Ana’ nos montes queimados en outubro leven a cinza a regatos e ríos até bancos marisqueiros.

Foi unha das luceciñas vermellas que prendeu nada máis extinguirse os incendios que na vaga de lumes de mediados de outubro pasado calcinaron 50.000 hectáras nos montes galegos: O perigo de que a chegada de chuvias abondosas provocase o arrastre destas cinzas e materia queimada a regatos ríos e rías, co grave impacto que iso tería nos recursos marisqueiros. O sector do mar galego prendía esa luz vermella con coñecemento de causa. Xa sufrira en 2006 importantes danos e perdas millonarias por esa circunstancia. Ou en 2013, após o gran incendio en Monte Pindo, cuxas cinzas acabaron afectando zonas de ameixa e berberecho en Muros. Unha situación que tamén se deu, e por non cambiar de ano, en Rianxo e Boiro, como recoñeceu a propia Xunta, con mortalidade de bivalvos.

 

Dous meses despois daquela advertencia, o paso do temporal Ana e a abundancia de choivas que trouxo leva a preocupación a confrarías, mariscadoras e bateeiros. Hai o temor a que se repita o escenario. Axunta xa enviou técnicos a avaliar a situación en dtermin adas zonas e bancos marisqueiros, como os da Guarda ou Baiona. Na confrarías, nomeadamente no sur de Pontevedra por ser unha zona moi afectada polos incendios de outubro, aumentan a vixilancia.

 

O patrón maior de Redondela,  Clemente Bastos, recoñece a preocupación polo impacto que poida ter e lembra que as consecuencias – de se dar-  comezaranse a percibir esta semana.

 

Mais a preocupación non se limita aos efectos desas cinzas nos recursos do mar, tamén  pode xerar outros problemas. Como este mesmo ano en Verín, sen auga potábel ao afectar as cinzas do incendio o río de onde se subministraba. O que tamén aconteceu en 2016 nas Neves, por poñer so outro exemplo.