Preocupación veciñal e ambientalista polos episodios de mortaldades de peixes no Tambre

A Plataforma  de afectadas polo vertedeiro de Miramontes (Santiago) fala de “desastre ambiental” e pide unha investigación "rápida e eficaz".

Escalos e troitas mortas no Tambre ao seu paso por Ponte Albar o pasado 22 de xuño. Peixes mortos en Tapia poucos días despois.  Unha situación que se volveu repetir en Tapia esta fin de semana mentres en Ponte Albar a auga presenta escuma, unha cor moi escura e “un cheiro nauseabundo”.  Para a  Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, hai un “desastre ambiental” que no Tambre nestas semanas.

 

“Queremos manifestar a nosa indignación e preocupación pola alta mortaldade de peixes con orixe aínda indeterminada. Sorpréndenos a escasa difusión que o feito está a ter nos medios de comunicación pese á súa gravidade e reiteración no tempo, e cremos que esta situación de alarma medioambiental require da intervención urxente das distintas administracións”, indican desde este colectivo ambientalista.

 

Instan as autoridades a unha investigación rápida e eficaz e lembran que, no percorrido do Tambre cara a ría de Noia, varias poboacións se abastecen das súas augas, aparte de utilizarse tamén para fins recreativos.