Preocupación polas cifras da violencia de xénero na Galiza

Os datos sobre violencia de xénero na Galiza marcan o 25N, día internacional contra as violencias machistas. Na Galiza hai máis de 3.500 casos activos de seguimento e protección a vítimas da violencia machista.

Na Galiza hai máis de 3.500 casos activos de seguimento e protección a vítimas da violencia machista. Son dados ofrecidos esta cuarta feira polo delagdo do Goberno español na Galiza, Javier Losada, na inauguración dun curso de formación nesta materia para axentes das forzas de seguridade. Datos que se veñen a sumar aos ofrecidos recentemente desde outras administracións.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, referiuse aos datos «tremendos» das violencias machistas na Galiza durante a presentación da campaña institucional con motivo do 25 de novembro, día contra a violencia de xénero.

No que vai de ano producíronse cinco asasinatos no país. A lei galega tamén considera vítimas da violencia machista a nai e a irmá da muller asasinada en Valga (Pontevedra) no mes de setembro, unha consideración que desatenden as estatísticas oficiais, onde figuran só tres casos de asasinato por violencia de xénero.

Até o mes de xuño interpuxéronse máis de 3.300 denuncias e perto de mil ordes de protección.

Segundo expuxo López Abella, até o mes de xuño na Galiza interpuxéronse máis de 3.300 denuncias e perto de mil ordes de protección. Desde o ano 2017 as cifras rexistradas ascenden a 1,7 millóns de denuncias e 466.000 ordes de protección.

Loita contra a violencia de xénero

Ante estas cifras tan avultadas e o impacto das violencias machistas na sociedade galega, a secretaria xeral de Igualdade asegurou que o tema «está nas axendas políticas» aínda que se debe «falar máis deste grave problema».

Neste sentido, Susana López Abella destacou que o traballo sobre violencia de xénero é «importantísimo», garantiu o compromiso da Xunta e instou a «non dar un paso atrás» na loita contra este problema estrutural.