Praia

Preocupación na Galiza polo inzamento de carabelas portuguesas: que facer (e que non) ante unha picada?

Exemplar de carabela portuguesa nunha praia. (Foto: Nós Diario)
A presenza cada vez maior deste tipo de organismos nas praias da Galiza, e en especial na comarca da Mariña, fai saltar as alarmas e leva o persoal de socorrismo a precisar como se debe actuar se nos pica unha carabela —que, aínda que poda parecelo, non é unha medusa—.

Unha das noticias máis repetidas na Galiza durante este verán está a ser o avistamento de carabelas portuguesas nas nosas praias, uns organismos que están a xerar unha grande alerta entre a cidadanía, xa que as súas picadas poden ocasionar graves inconvenientes para os bañistas. A preocupación instalouse en certos municipios, sobre todo na comarca da Mariña, onde se localizaron máis exemplares desta especie. As persoas expertas falan claro: a auga salgada e a calor son os mellores aliados, nun primeiro momento, para as súas picadas. Ademais, coinciden en que nunca hai que aplicar auga doce, nin outros remedios ou "mitos" como ouriñar na picadura ou enterrarse na area.

Segundo Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo da Galiza, a situación "máis preocupante" é a da Mariña, onde xa se tivo que fechar algunha praia ao baño por mor da presenza dun gran número de carabelas. Esta mesma fin de semana, de feito, clausuráronse as praias de Torno e Cubelas, ambas as dúas en Cervo, onde se izou a bandeira vermella para prohibir o baño pola presenza de exemplares de carabela portuguesa, así como na Marosa, en Burela. Noutras zonas do país, como en Ferrol, A Coruña, Nigrán, Baiona ou Vigo, atopáronse algúns exemplares, ondeando nestes casos a bandeira amarela para que as e os bañistas tivesen precaución.

En declaracións á axencia Europa Press, Rodríguez recoñeceu que son uns organismos semellantes ás medusas pero "máis perigosos do normal", xa que a súa picada, malia non ser letal, si ten maiores consecuencias. En caso de ser alcanzada por unha, recomenda que se acuda ao posto de socorrismo máis próximo, onde se aplicará auga salgada ou soro para quitar o tentáculo e calor. A auga doce, pola contra, ampliará a urticaria que provocan.

En función da picada, os socorristas decidirán se é necesario o traslado da persona a un centro sanitario, xa que unha crema de hidrocortisona podería ser apropiada, pero ten que ser aplicada por persoal sanitario, polo que nos postos de socorrismo non se dispón da mesma.

Preguntada sobre se unha picadura de carabela portuguesa é similar á dunha faneca de praia, Rodríguez indicou que as carabelas e mais as medusas provocan unha maior reacción. Aliás, no caso das fanecas adoitan picar na planta do pé; as outras, por todo o corpo, deixando as marcas dos tentáculos. Por todo iso, insistiu en que o importante é que a xente non se achegue a elas e non as toque, a pesar de que son "bonitas e con cores rechamantes".

Temperatura da auga

Na mesma liña fala a portavoz da área de Medio Mariño de Ecoloxistas en Acción, Ana Aldarias, quen pon o foco na importancia de fuxir de métodos como botar auga doce á picadura. O aumento da temperatura da auga, afirma, é un dos motivos que explica o inzamento destes organismos nas costas galegas. Esta especie, di, é reguladora do ecosistema e aparece cando o medio está en desequilibrio. Así, un exceso de materia orgánica na auga por un mal funcionamento das depuradoras tamén podería ser outra das causas da súa chegada.

"O problema destes animais é que xeran un medo, maiormente asociado ao descoñecido. Por iso é importante dar a coñecer a especie, que é moi simple desde o punto de vista evolutivo, pero o seu sistema de defensa está moi desenvolvido", engadiu, indicando que cando perciben ou senten a alguén preto, as súas células teñen capacidade de provocar unha irritación na pel doutros seres vivos.

Aldarias indicou que as carabelas portuguesas son "falsas medusas", xa que é un organismo colonial no cal os individuos se especializan para manter viva a colonia. A pesar diso, a súa picada é "máis perigosa" que a doutras medusas, mais "non letal", aínda que sempre dependendo das patoloxías previas da persona.

En declaracións a Europa Press, subliñou que, aínda que se atopen na praia, non se deberían tocar, xa que poden sobrevivir semanas fóra do mar. E se se avistan na auga, o mellor é afastarse, non tocalas nin quitalas da auga, porque teñen unha función no ecosistema.