Preocupación e anoxo no inicio do curso escolar

Primeiro día de colexio no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
O curso escolar 2020-2021 comezou para a metade do alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Continúa hoxe co regreso ás aulas do resto do estudantado após unha xornada de folga marcada por uns servizos mínimos abusivos contrarios ao dereito ao paro e á demanda por parte de profesorado e sindicatos de máis recursos e persoal para cumprir coas exixencias de seguridade ás que a Xunta elude dar resposta.

Esta sexta feira complétase o regreso ás aulas de 194.221 nenos e nenas de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial da Galiza, 1,3% menos ca no curso 2019/20, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, agora suprimida e integrada baixo a dirección de Román Rodríguez no departamento de Cultura.

O primeiro en incorporarse onte aos colexios foi alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria mais o do ensino especial. Fixérono durante unha xornada de folga convocada pola CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, CCOO, STEG e CSIF co apoio das dúas confederacións de asociacións de pais e nais do alumnado dos centros públicos da Galiza, Anpas Galegas e Confapa, mais dos sindicatos de estudantes Erguer e Anega.

Ensino seguro

Por un ensino presencial seguro. A mobilización do profesorado, do persoal non docente e da comunidade educativa en xeral estendeuse por todo o territorio e localizouse de forma máis notábel nalgúns centros de ensinanza mais nunha ducia de localidades onde as organización sindicais fixaron outras tantas concentracións co obxectivo de facer públicas e visíbeis as súas demandas.

Máis persoal. Máis recursos. Menos alumnado por aula. Máis saúde. Son as ideas centrais dunha folga que se vai repetir o 16 de setembro coincidindo co inicio das aulas en Secundaria e que insta o Goberno galego a asumir as súas responsabilidades no arranque do curso escolar ante o desamparo que a comunidade educativa observa no protocolo impulsado pola Xunta para a organización das escolas.

A Xunta optou por calquera medida antes do aumento orzamentario e de persoal necesario para unha atención de calidade, tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria.

A CIG-Ensino sinalou no adianto da convocatoria "unha imprudencia temeraria" por parte da Administración galega que "pon en risco a nosa saúde", unha idea que volveu remarcar onte durante a protesta ante Educación, no edificio de San Caetano. O secretario nacional, Suso Bermello, reivindicou a "dignidade" do colectivo docente e a súa intención de "protexer" o alumnado, polo que non serán "cómplices da irresponsabilidade" do Goberno galego no regreso ás aulas, subliñou.

Bermello tamén insistiu na "improvisación" que obriga as direccións dos colexios e un profesorado sen formación previa a liderar os procesos de adaptación dos centros e os plans de continxencia nuns prazos inasumíbeis e sen recursos suficientes.

"A Consellaría limitouse a trazar unha liñas xerais. Optou por calquera medida antes do aumento orzamentario e de persoal necesario para unha atención de calidade, tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria", remarca a CIG-Ensino.

A confirmación chega desde os colexios, que levan unha semana traballando a contra reloxo para recibir o alumnado. "Comezamos xa na recta final de agosto. Traballamos mañá e tarde e seguimos acumulando un carga imposíbel de asumir en tan pouco tempo", sinala Pilar de Araújo, directora do CEIP Emilia Pardo Bazán, de Vigo.

Servizos mínimos abusivos

"A Consellaría esixe que adaptemos a organización e o funcionamento do curso escolar ao protocolo Covid-19, mais sen un aumento nin dos orzamentos nin do persoal docente nin dos equipos de limpeza e comedor; sen rebaixar a relación de alumnado por aula e sen ningún tipo de liberación horaria para o Equipo Covid. Temos moito que facer pero non dispoñemos de tempo", asegura Pilar de Araújo, xa que a organización das aulas, a reforma do comedor e a distribución do alumnado exixiulles unha dedicación que aínda segue a ser necesaria.

Vestimos de negro en sinal de protesta por uns servizos mínimos abusivos que impediron o noso dereito a folga e ameazas de sanción á dirección en caso de desobediencia.

Sobran motivos para secundar a folga convocada polas organizacións sindicais, incide a directora en declaracións a Nós Diario. Mais malia a intención inicial de todo o profesorado do CEIP Emilia Pardo Bazán de apoiar o paro, o equipo docente acudiu ao centro ao completo, vestido de negro e cunha soga ao pescozo en sinal de protesta non só polas condicións do arranque do curso escolar, senón por "uns servizos mínimos abusivos impostos a última hora pola Consellaría que impediron o noso dereito a folga e ameazas de sanción á dirección en caso de desobediencia", asevera o colectivo.

"Agradezo as mostras de apoio do profesorado e da comunidade educativa. Abrimos as portas do colexio, si, pero de case 400 alumnos e alumnas viñeron cinco, e quedaron catro; mais insisto en que o importante aquí son as razóns que fan desta folga unha medida de presión urxente", conclúe De Araújo.

A este respecto, os sindicatos trasladaron a súa desconformidade cun servizos "máximos" que vulneraron o dereito do colectivo de traballadores do ensino a facer folga. "Unha aberración", dixeron, que, malia todo, contou co aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Nun auto emitido con data do 9 de setembro, o TSXG manifesta que "poucas veces a Administración, á hora de fixar os servizos mínimos esenciais ante a convocatoria dunha folga, foi tan clara e precisa na xustificación das medidas adoptadas".

Intranquilidade

O alumnado volveu ás aulas entre a preocupación e o enfado das familias. Sen programas de conciliación, con colexios en obras, con aulas nas que resulta imposíbel manter a distancia mínima de seguridade e grupos de convivencia estábel insostíbeis. Cun funcionamento sen marxe para a interacción entre o alumnado, con aulas de psicomotricidade suspendidas para as idades máis miúdas por falta de recursos para unha desinfección segura, con estudantes que, en caso de chuvia, non abandonarán a aula nin durante o recreo nin para xantar, xa que ese tamén será o seu comedor.

O desasosego ás portas das escolas percibiuse máis a través das angustias compartidas que dos rostros cubertos polas máscaras, de uso obrigatorio. Con tempos taxados para as entradas, con horarios estritos e numerosos carteis que lembran as principais normas de uso do espazo escolar.

Non nos negamos a iniciar o curso escola, negámonos a inicialo como se non pasase nada.

O anoxo foi máis visíbel en centros como o CPI de Mosteiro-Meis, onde o curso comezou cun equipo directivo suplente -un profesional, segundo os sindicatos- após un positivo por coronavirus que levou a dirección a gardar corentena a canda parte do profesorado. Malia as peticións tanto da ANPA como da CIG-Ensino para adiar o inicio das aulas, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, avogou por iniciar o curso con "normalidade". "Iso si, sen equipo directivo, sen rematar de aplicar os protocolos planeados, sen o comedor organizado", censura o sindicato, poñendo "en perigo a saúde do alumnado e do persoal docente".

"Non nos negamos a iniciar o curso escolar" manteñen desde a ANPA A Capela, "negámonos a inicialo como se non pasase nada", salientan. E na mesma liña, os pais e nais do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves. Mañá non van levar ao colexio o alumnado de 5º de primaria ante a negativa de Educación a desdobrar o grupo en dous "como vimos reivindicando desde o primeiro día e xa solicitou a dirección do centro" afirma Gloria Mariño, presidenta da ANPA Eira da Liñaza. "Sabemos que non podemos estender nos días esta protesta máis queremos que quede constancia dela".

Oposición

No inicio do curso, a portavoz do BNG, Ana Pontón censurou censura "os bandazos" da Xunta, que planificou o regreso ás aulas "como se non houbese pandemia". Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que o Goberno galego chega cos deberes sen facer froito "da inacción, o desleixo e falla de xestión", a pesar de que a Xunta "ten as competencias en Educación".