A ONU distingue o labor da comunidade de montes de Tameiga

Premio á xestión comunal en Mos fronte á especulación

Plantación realizada pola comunidade de montes de Tameiga
A comunidade de Montes de Tameiga (Mos) recibiu esta mañá, nun acto no centro cultural As Pedriñas, a distinción do Consorcio ICCA da ONU polo seu traballo de conservación dos usos comunais da terra e dos seus bens e dereitos asociados. 

Trátase dun organismo das Nacións Unidas que recoñece o traballo en áreas conservadas por comunidades locais e o seu recoñecemento supón, en palabras do presidente dos e das comuneiras, Antonio Caxide, "un referendo de que estamos no bo camiño", ademais dun "apoio á nosa defensa dos montes ante as agresións de intereses privados".

"É un explícito recoñecemento que respalda o noso traballo e dificulta un pouco os atrancos que poidan querer poñer as Administracións", sinala o portavoz, que rapidamente pon como exemplo o proxecto de "macrocentro comercial" que ameaza eses montes: "Se o Concello de Mos se empeña en expropiar as terras aos seus lexítimos propietarios e propietarias, como son os comuneiros de Tameiga, terá que ter en conta que organismos internacionais como a ONU están velando polo uso racional do territorio como o que fai comunidade de montes".

O que, para Caxide, distingue o organismo da ONU neste caso é "a defensa do territorio, a gobernabilidade dese territorio feito pola propia xente que convive nel e tamén os usos racionais dos seus recursos, un traballo que se leva facendo desde hai moitísimos anos". Fóra da Galiza, subliña, o Consorcio ICCA pon a atención sobre  moitos labores de comunidades indíxenas de América Latina. 

No caso de Tameiga, a comunidade realiza traballos que van desde a eliminación de especies invasoras á diversificación dos usos do monte. "Para salvar os nosos montes comunais non camiñamos sós. As comunidades de auga afectadas e a asociación veciñal da parroquia traballan cóbado con cóbado connosco como numantinos. Temos tamén o respaldo de todo o movemento ecoloxista e das centrais sindicais do país. E desde hoxe –por onte– tamén contamos co recoñecemento da ONU polo noso denodado labor por manter os montes e os seus usos comunais fóra do alcance da especulación", destacou o presidente da comunidade de montes durante o acto, no que estiveron organizacións ecoloxistas e comuneiras.