Fállanse os galardóns Cidade de Pontevedra 2020

Premio para Paula Dapena e os persoal sociosanitario pontevedrés

Imaxe do amigábel no que Paula Dapena decidiu non homenaxear a Maradona. (Foto: Nós Diario)
O xurado do premio Cidade de Pontevedra decidiu de maneira unánime entregar os galardóns de 2020 á futbolista Paula Dapena Sánchez e ao persoal sociosanitario.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces, foi a encargada de comunicar o fallo, explicando que se tratara dunha "decisión difícil" elixir a Paula Dapena e o persoal sociosanitario, porque as outras dúas candidaturas en ambas as categorías tamén reunían un recoñecemento e unha traxectoria social: Raquel Mera, maestra da Escola de Educación Infantil de Verducido e a Asociación de Veciñanza O Mirador de Monte Porreiro.

O premio ao persoal socio-sanitario, a proposto de Rotary Club e da Federación de Veciñanza Castelao, Carme Fouces informou que o xurado acordou que será un premio "sen ningún tipo de connotación política nin sindical", polo que se lle pedirá ao equipo Covid do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra "que seleccione o persoal sanitario, asistencial, de limpieza... que sexa representativo, o máis plural posíbel, para que poida agradecer o esforzo a todo o persoal que traballou arreo nestes meses".

Paula Dapena é a futbolista que xoga no Viaxes Interrías FF, de Portonovo (Sanxenxo) e que no pasado mes de novembro, nun partido amigábel entre o seu equipo e o Deportivo da Coruña en Abegondo, se negou a homenaxear a Diego Armando Maradona, que falecera naquela semana.

A orixe da súa negativa foi a consideración de que o chamamento á homenaxe se lle facía a unha persoa con comportamentos machistas. A súa candidatura propúxoa a Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) e pola Secretaría Confederal das Mulleres do sindicato CIG.

Carme Fouces contou que o xurado decidira outorgarlle o galardón "polo xesto, de valentía e polo referente que supón para a mocidade ". "Pola capacidade que temos na man de plantarnos ante a violencia e aguantar a presión que non é pouca, e menos no mundo do fútbol", engadiu.

Carme Fouces tamén mencionou o anterior premiado en categoría física dos Premios Cidade de Pontevedra, Francisco Barbeito, recentemente falecido.

Os premios Cidade de Pontevedra 2020 entregaranse o próximo día 20 no Teatro Principal ás 13 horas, coincidindo, como xa é tradición, coa festividade de San Sebastián, patrón da cidade