O premio 'Comunicar en Igualdade' recoñece o xornalismo con perspectiva de xénero

O premio 'Comunicar en Igualdade' recoñece as boas practicas informativas (Xunta).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta terza feira o nome das premiadas no concurso 'Comunicar en Igualdade', que outorga a Secretaría Xeral da Igualdade. Os galardóns distinguen os traballos xornalísticos que contribúen á defensa e difusión dos valores de igualdade entre homes e mulleres así como á loita contra as violencias machistas.

Uxía Castro Martínez, ex colaboradora de Sermos Galiza, recibirá o primeiro premio, de 4.000 euros, polo traballo “Eles gobernan, elas aman. Os mitos do amor romántico” na categoría de alumnado universitario.

Completan o podio o texto “Un relato de mulleres nas minas do Bierzo”, de Lucía Parrilla del Río, galardoado co segundo posto e cunha dotación de 2.000 euros; e a peza titulada “Nun sistema tan opresivo para a muller ser monxa era unha opción cómoda”, asinada por Silvia López López, recoñecida co terceiro premio e un premio de 1.000 euros.

Na modalidade para profesionais do xornalismo, o xurado outorgoulle o primeiro premio, dotado con 6.000 euros, ao texto “As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións", do grupo de traballo As Mulleres na Opinión da asociación Xornalistas Galegas. O traballo “O noso toque de queda” de Sara Vila Alonso, recibirá o segundo premio, valorado en 3.000 euros, mentres que o terceiro, de 2.000 euros, recaeu na peza “Sesé Mateo: a palabra que resiste á morte”, de Montserrat Dopico González.

O premio 'Comunicar en igualdade' recoñece os traballos informativos ou pezas publicadas de forma individual ou colectiva por profesionais do xornalismo, así como os traballos xornalísticos presentados por alumnos e alumnas con matrícula nalgunhas das titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) no curso 2018-2019. A dotación económica, que vai dos 6.000 aos 1.000 euros, realízase con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Xornalismo con perspectiva de xénero

O xurado estivo presidido polo director xeral de Políticas Culturais e integrado por unha persoa designada pola Secretaría Xeral da Igualdade, en calidade de secretaria, e polos membros da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista como vogais. En ambas modalidades, seleccionáronse os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo dende a perspectiva de xénero.

O premio 'Comunicar en Igualdade' recoñece e alenta as boas prácticas informativas ademais de combater hábitos pouco axeitados e rigorosos cando se trata de abordar o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerábeis, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados, en xeral, coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.