O Observatorio da Mariña pola Igualdade gaña o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

O xurado destaca a "longa traxectoria" desta entidade "pola Igualdade", así como "a súa interseccionalidade, a pluralidade e o impacto directo e amplo do seu labor en todos os ámbitos da sociedade".

 

O Observatorio da Mariña pola Igualdade é o ganador da terceira edición do Premio Begoña Caamaño de Proxectos Culturais pola Igualdade, dotado con 6.500 euros. O xurado destaca a "longa traxectoria do Observatorio da Mariña pola Igualdade, a súa interseccionalidade, a pluralidade e o impacto directo e amplo do seu labor en todos os ámbitos da sociedade".

O xurado destaca a necesidade de "recoñecer iniciativas como esta que nacen na periferia, á marxe do ámbito urbano de referencia que parece ser o eixo atlántico. Con este premio queremos valorar o traballo feito por mulleres que desenvolven unha actividade intensa pola igualdade sen se atopar nos centros de decisión máis visíbeis".

O xurado estivo composto pola actriz e fundadora da compañía de teatro "A Panadaría", Ailen Kendelman, pola escritora e actriz, María Lado, pola profesora e activista do feminismo, Sabela Mouriz ademais de polas representantes dos colectivos gañadores da anterior edición Irimia Muelas de Implicadas no Desenvolvemento e Clara Rodríguez por "Elas tamén pintan" de 7H Cooperativa Cultural e presidido polo deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, coa xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

Desde o 8 de marzo de 2008 o Observatorio da Mariña pola Igualdade traballa de maneira continuada a favor da promoción da igualdade de xénero tamén desde o ámbito cultural, contribuíndo coas súas actividades a visualizar as mulleres en sectores de relevancia económica, social e cultural.

A área de Cultura da Deputación da Coruña convocaba por terceiro ano consecutivo o Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade que se resolveu por vez primeira no ano 2017 recaendo na libraría feminista Lila de Lilith, de Santiago de Compostela. Na segunda edición o proxecto "Elas tamén pintan" de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento foron as gañadoras do premio.