Investigación

Unha Galiza máis desigual: que impacto tivo a pandemia da Covid-19?

A pandemia da Covid-19 tivo "un efecto considerábel nas desigualdades sociais". (Foto: Arxina).
Un traballo de José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira recibe o Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía da Galiza.

José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira foron recoñecidos esta terza feira co Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía da Galiza, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES). Ambos os investigadores foron premiados por un artigo de investigación sobre os efectos iniciais da pandemia da Covid-19 nas desigualdades sociais na Galiza, un traballo publicado na Revista Galega de Economía.

O xurado, presidido polo reitor da USC, Antonio López , motivou a súa decisión, tomada por unanimidade, "na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico da Galiza". O traballo de Amoedo e Sánchez-Carreira resultou distinguido na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, mentres que a categoría centrada en premiar teses doutorais quedou deserta.

Segundo explican os autores deste estudo, a pandemia da Covid-19 tivo "un efecto considerábel nas desigualdades sociais". Por iso, centráronse no informe en "identificar, medir e describir" os cambios nas desigualdades de renda no país despois da pandemia. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso.

Os principais resultados poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, que a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda na Galiza en 2020. Ademais, "aumentaron as desigualdades" segundo "o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais", explican Amoedo e Sánchez-Carreira.

Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. "Fai falta sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas quedasen claramente menos protexidos que os de maior idade", matizan.