As preguntas das familias na conta atrás para a volta ás aulas

Conselleira Educación, Carmen Pomar, visita Cambados, para comprobar o protocoloco Covid nos centros de ensino
A evolución dos datos epidemiolóxicos na Galiza, a dúas semanas da reapertura dos centros de ensino e a tres para que comecen as clases nas etapas máis temperás, suma incógnitas ás moitas dúbidas que axexan as familias. 

En espera dun protocolo común no que o Goberno estatal asegura estar traballando –e que, segundo sinalou esta semana o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, debería estar listo nas próximas horas–, a Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos, Confapa, e a Confederación Anpas Galegas, poñen sobre a mesa as moitas cuestións a clarificar de cara a setembro, cuxa resolución, segundo as palabras da conselleira de Educación, Carmen Pomar, vai depender das "decisións das autoridades sanitarias", mais tamén do seguimento da pandemia "día a día". 

Tras analizar o protocolo de adaptación ao contexto sanitario do inicio do curso validado en xullo pola Xunta sen apoio dos axentes educativos, as dúbidas da súa viabilidade e efectividade son múltiples, a comezar polo funcionamento dun grupo nunha aula con distancia mínima dun metro entre o alumnado –sen máscara–, cos pupitres orientados nun mesmo sentido.

A casuística que prevé Confapa é variada: se unha alumna ou un alumno berra, se ten que virar para pedir material, se se ergue e pasa polo medio das mesas, segue sendo válida a distancia dun metro entre cadeiras... Contémplanse, para estes casos, medidas adicionais?

Anpas Galegas, moi crítica tamén coa distancia mínima na aula fixada pola Xunta, recomenda ampliala a metro e medio e reducir a ratio á metade, para non ter que recorrer á máscara no caso de que non se garanta a separación de seguridade. "Impide unha comunicación natural, non permite visualizar as expresións faciais nin a vocalización, aspectos fundamentais na aprendizaxe da linguaxe e das habilidades sociais", reflexiona.

A duración dos recreos, o funcionamento dos grupos de convivencia estábel, as obrigas de desinfección por parte do alumnado ou as pautas de ventilación periódica espertan tamén a desconfianza das organizacións de nais e pais. Que ocorrerá cando a situación meteorolóxica impida a apertura de xanelas? Como se manterá a calefacción?, cuestionan, antes de apuntar outros aspectos por aclarar, desde o rexistro dos datos sanitarios das autoenquisas que docentes e estudantes deberán realizarse a diario para a detección precoz dun posíbel foco ao funcionamento da teledocencia, en caso de confinamento. "Que medidas ten previstas a Xunta no caso de ter que volver ao ensino non presencial, é dicir, a que familias enteiras teñan que deixar á marxe o seu traballo para dedicalo a ser ferramentas do proceso educativo?, formula Confapa, que pregunta pola previsión de "subvencións" aos gastos extra.

"Necesitamos ter a seguridade de que non vai haber alumnado de diferentes velocidades e esa certeza só poderemos tela se o tratamento é homoxéneo para todas as crianzas galegas; salvando sempre aquelas situacións de enfermidade manifesta ou risco evidente que merecen un tratamento diferenciado", engaden desde Anpas Galegas.

Escolas infantís

A preocupación esténdese ás escolas infantís, que poderán funcionar desde o día 1, e que, no caso das da Xunta, abrirán o 4. A CIG avisa de que as medidas para estes centros son "demasiado xerais" e "de imposíbel cumprimento se non se amplían medios humanos e materiais". Na mesma liña, CCOO alerta de que as escolas "non poden adaptarse se non dispoñen de medios, e UXT censura as "incertezas" para o persoal e as familias.