Preguntan no Parlamento por un encerro taurino sancionado na Coruña

Galiza Mellor sen Touradas rexistra unha iniciativa a través do BNG para saber se o evento sancionado foi en Lousame e por que non aparece na listaxe de Presidencia informando das actividades deste tipo realizadas en 2011. Catro deputad@s do PSOE e tres da formación frontista fan parte do recentemente creado Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais

A plataforma abolicionista Galiza Mellor sen Touradas rexistrou nesta segunda feira unha iniciativa no Parlamento Galego por medio do BNG na que preguntan á Xunta de Galiza por un festexo taurino que foi sancionado na Coruña. O voceiro do colectivo antitaurino, Rubén Pérez, informou de que descoñecen "exactamente" cal é o festexo, mais apuntan cara a un encerro con vitelas que se realizou en Cruido, no concello de Lousame.

Navegando pola rede, activistas da plataforma deron cunhas fotos dese evento, que non estaba previsto na relación de festexos taurinos de 2011 que a consellaría de Presidencia --departamento con competencias na materia-- remitiu ao BNG a petición desta formación política, como todos os anos. Por medio da iniciativa presentada, Galiza Mellor sen Touradas quere saber cal é o festexo sancionado e por que Presidencia non o incluiu na listaxe, se ben razoan que "seguramente" o departamento da Xunta non foi informado.

"O empresario pide autorización ao Concello, e este informa a Presidencia", explicou Rubén Pérez, quen sinalou que a sanción imposta, que ao parecer foi de 300 euros, "non ten un efecto disuasorio, pois a organización do espectáculo gañou moito máis, e con cartos pagados polo propio Concello". Aínda tratándose dun encerro e non dunha tourada "segue a haber maos tratos aos animais". Por isto, lamentou que a sanción ficase no mínimo --300 euros--, cando o abano permite impor até 60.000 euros de multa e até unha inhabilitación.

Un espazo no Parlamento para a defensa dos animais
Xustamente para artellar iniciativas a prol da protección animal no Parlamento de Galiza vén de crearse o EPDA --Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais--, do que fan parte catro deputadas do PSOE --Carmen Gallego, María Dolores Rodríguez Amoroso, Silvia Fraga e Sonia Verdes-- e tres do BNG --Carme Adán, Isabel Sánchez e Bieito Lobeira--. Desde a asociación animalista Libera, o seu coordinador --voceiro de Galiza Mellor sen Touradas-- Rubén Pérez sinalou a "necesidade obvia" deste espazo, que existe xa noutras cámaras como no Reino Unido ou en Holanda.

Pola súa banda, desde o PSOE, Dolores Amoroso subliñou os recortes que se teñen producido nas axudas para as sociedades protectoras de animais, a preocupación do seu grupo parlamentar coas matanzas de lobos na comarca do Barbanza e da necesidade de fiscalizar o labor do goberno galego nestes temas.

E desde o BNG, Isabel Sánchez sinalou as iniciativas da formación frontista sobre a situación dos cabalos con pexas nos montes galegos; Carme Adán, puxo riba da mesa a polémica das touradas e os seus subsidios, co paradoxo dos investimentos nesta actividade, en detrimento das verdadeiras accións de educación e sensibilización fronte aos maos tratos aos animais e como parte dunha base da educación ambiental.