Preferentistas galeg@s volven a Bruxelas para manter viva a denuncia do calote

Comparecerán esta quinta feira na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para manter a denuncia contra os responsábeis da ''estafa masiva''.

 

Suso Domínguez e Xulio Vicente, da Coordenadora galega de preferentistas, estarán esta quinta feira en Bruxelas para comparecer ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, onde manterán a crítica e a denuncia do ‘calote’ que afectou a milleiros de galeg@s e como fican por devolver aínda ducias de millóns de euros. Unha petición avalada por 43.000 sinaturas.

Non é a primeira vez que @s preferentistas galeg@s van a Bruxelas. O BNG denunciara o calote ante o Europarlamento en 2012 a través da euro-deputada Ana Miranda, e colaborou para levar a Bruxelas a un grupo de preferentistas denunciar a súa situación.

Coa mudanza da lexislatura, a Comisión de Peticións, pretendía peneirar as peticións da lexislatura anterior para estudar as que pechaba e as que mantiña abertas. Iso deu lugar, sinalan fontes do BNG en Europa, a ruxe-ruxe de que o PP español quería pechar as por volta de 40 denuncias de abusos bancarios no Estado español (preferentes e despexos). O grupo ALE acadou o mes pasado que ficaran abertas.