Preferentistas e emigrantes retornad@s irrompen na campaña do 25M exixindo solucións

[Imaxe: @ponteinfo]

Milleiros de persoas maniféstanse en Pontevedra para facer visíbel que os seus conflitos continúan pendentes. Os e as emigrantes retornadas pediron expresamente que non se apoie ao PP nas eleccións europeas.

"Polos nosos cartos. Pola nosa dignidade. Pola xustiza". Baixo ese lema se manifestaron onte en Pontevedra as plataformas de persoas afectadas polas preferentes de Novagaliciabanco e máis o colectivo de emigrantes retornad@s, para reclamaren solucións inmediatas ás problemáticas que padecen.

Un ano despois a cidade do Lerez volvía ser o centro da reivindicación por parte das plataformas de persoas afectadas polo calote das participacións preferentes. A marcha de carácter nacional, na que tomaron parte as plataformas comarcais, serviu para exixir durante a hora e medio de percorrido, con pitadas e berros, unha solución inmediata e "para todos" do seu conflito, lembrando que son inda milleiros as persoas afectadas que non recuperaron os seus aforros. Asemade, instaron a que a xustiza actúe contra os responsábeis que "deseñaron e executaron esta grande estafa" e reclamaron a retirada das numerosas multas e sancións das que foron e están a ser vítimas como resultado das súas mobilizacións, malia ser pacíficas e non se rexistrar incidentes.

Castigar ao PP nas urnas

A manifestación realizouse conxuntamente coa emigración retornada que pediu a fin das sancións económicas pola non tributación das pensións do estranxeiro. Ao berro de "somos traballadores, non defraudadores" o voceiro da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados insistiu no seu reclamo de modificar a lei 35/2006 que agora utiliza o Ministerio de Facenda para lles exixir unha tributación que en moitos casos lles aseguraran non era necesaria, así como na demanda de "depuración de responsabilidades políticas", que concretou na petición de demisión do ministro de Facenda, Cristobal Montoro.

"Retirémoslle a confianza ao PP para que desapareza das nosas vidas pola súa incompetencia e dano moral" propuxo o voceiro da coordinadora

Xosé Lois Leirós denunciou a responsabilidade dos gobernos galego e español por "non escoitar nin atender" as súas demandas e instou aos 250.000 galegos e galegas afectadas a utilizar o seu voto o 25 de maio contra quen os "castiga" e dar "un cambio importante a este país". Leirós chamou explicitamente a non apoiar ao Partido  Popular o próximo 25 de maio. "Retirémoslle a confianza ao PP para que desapareza das nosas vidas pola súa incompetencia e dano moral" clamou.

Na mobilización estiveron presentes o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e máis a candidata nacionalista ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, quen foi referenciada por Leirós como "a voz dos emigrantes galegos en Bruxelas". Pola súa banda o candidato do PSdeG, José Blanco, comprometeuse a defender unha solución para os emigrantes retornados.

Denuncia contra a comercialización "produtos" semellantes ás preferentes

A manifestación deste sábado tivo lugar apenas días despois de que a Plataforma de Afectados polas Preferentes do Baixo Miño denunciase ante a Fiscalía superior de Galiza que a banca continúa a comercializar "produtos" financeiros híbridos semellantes ás participacións preferentes. 

Santander, BBVA, Kutxabank ou Caixabank  estarían tentando "colocar" entre a súa clientela produtos que supoñen un risco para os depósitos

O voceiro da plataforma, Xulio Vicente, fíxolle entrega ao fiscal Carlos Varela dun escrito no que advirte que entidades como o Banco Santander, BBVA, Kutxabank ou Caixabank  están tentando "colocar" entre a súa clientela produtos que supoñen un risco para os seus depósitos (como fondos garantidos que en realidade non o están), e instouno a "vixiar" esta situación. Varela comprometeuse a lle trasladar esta información ao Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores, posto que sen mediar unha denuncia concreta dun afectado non ten competencias para intervir.

Vicente tamén lle trasladou a denuncia presentada na fiscalía de Vigo contra as sancións administrativas das que foron obxecto varios integrantes da plataforma, e que na súa opinión pretenden "criminalizar" ao colectivo e poñer freo ás protestas.