Preferentistas do Baixo Miño piden que se investigue a "represión" económica detrás das multas

[Imaxe PontevedraViva]

Afectadas/s polas preferentes demandáronllo á Fiscalía de Pontevedra nunha concentración con motivo dun novo xulgamento contra persoas estafadas.

 

A Plataforma de afectad@s pola estafa das participacións preferentes e subordinadas do Baixo Miño concentráronse esta cuarta feira (3 de xuño) perante os xulgados de Pontevedra en solidariedade con Avelino Guisande, sancionado durante unha protesta acontecida o 30 de setembro de 2013, durante un Pleno do Concello do Porriño, segundo informa PontevedraViva

O voceiro da plataforma, Xulio Vicente, reclamou á Fiscalía que investigue a "represión" económica padecida durante os anos de conflito através de multas. Queren, sinalou Vicente, "que investigue que se esconde detrás" das multas que lles impuxeron como "represalia" xa que aseguran que "aquí hai algo escuro, algo raro".

31 recursos gañados

As persoas estafadas apuntan, aliás, contra as "distintas administracións públicas gobernadas polo Partido Popular" que terían "represaliado" o colectivo "inxustamente", como o caso de Guisande, sancionado após concentrarse perante a Casa consistorial do Porriño toda vez que lles foi impedido o acceso ao pleno. 

"Despois duns días e sen que ninguén me tivese pedido unha identificación naquel momento, chegoume á casa unha multa de cen euros da Subdelegación do Goberno", explicou Guisande. 

Dos procesos xudiciais celebrados a Plataforma do Baixo Miño gañou 31 recursos interpostos ás sancións perdendo só 2 á espera de que sexan resoltas outras 8 sentenzas.