Preferentistas convocan unha protesta contra a “nova estafa do aforro galego"

Denuncian que máis de 1.500 galegas están afectadas polos bonos subordinados e convertibles cun total de 40 millóns de euros.


A loita das e dos preferentistas galegos continúa. Un novo caso de comercialización de complexos produtos financeiros entre clientes minoristas afecta ao aforro galego. Máis de 1.500 galegos e galegas  están afectados polos bonos subordinados e convertibles do Banco Popular. Un produto que cualifican de “tóxico” e que consideran a nova “estafa” da banca. As perdas chegan até o 80% do capital invertido nestes bonos, que suman un importe total de 40 millóns de euros, segundo a Plataforma de Afectados de Compostela. 

Por este motivo, o colectivo de preferentistas convocou unha concentración ás 11.30h fronte a sede do Banco Popular na rúa Senra. “Hai máis dun ano que denunciamos a súa comercialización, e trasladouse á Fiscalía galega a nosa preocupación polos seus efectos, que agora se concretan con vencemento dunha segunda emisión de bonos o pasado 25 de novembro”, aseguran. Mentres, a entidade declarou beneficios de 300 millóns co canxe de accións en todo o Estado.

As e os afectados tamén denuncian a sanción contra unha persoa da plataforma, que cualifican de “inxusta”. Explican que foi multada por tratar de dirixirse nun “acto pacífico de protesta” ao ex-presidente de Uruguai, José Mújica, durante unha visita oficial na que estaba acompañada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Na concentración participará o número 1 de Nós Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón.

Primeira sentenza favorable

O xulgado especial de preferentes en Vigo, que deixará de prestar servizo a partir de 2016, emitiu a primeira sentenza favorable que anula un contrato de bonos subordinados convertibles do Banco Popular. A titular, unha muller sen coñecementos financeiros, recuperará os 6.000 euros que perdera con este novo produto tóxico.