WADI N-DAGHESTANI, FEMINISTA ISLáMICA

"É preciso descolonizar o feminismo de visións autoritarias, excluíntes e etnocentristas"

Wadi N-Daghestani [Imaxe cedida]

Activista a prol dos dereitos das mulleres afirma que seus pais lle inculcaron "desde o deber e o compromiso islámico a loita pola xustiza social e de xénero". 

 

Wadi N-Daghestani defínese como unha persoa “de corazón asturiano e sangue árabe”. Descende dunha familia de orixe sirio instalada no Estado español. Activista a prol dos dereitos das mulleres afirma que seus pais lle inculcaron "desde o deber e o compromiso islámico a loita pola xustiza social e de xénero". Con "20 anos", di, "decidín porme o hijab por razóns exclusivamente relixiosas". Con ela falamos do Feminismo islámico.  

Que é o feminismo islámico?

O feminismo islámico nace como unha necesidade por recuperar todos os dereitos lexímtos que a Sharia --a lei islámica-- outorga explicitamente á muller através dos seus textos sagrados mais que foron extorsionados, manipulados e prostituídos ilexitimamente por sociedades pratiarcais en moitas comunidades musulmás de países árabes e occidentais. O Corán recoñécenos como cidadás de pleno dereito no ámbito público e privado. Neste senso, o feminismo islámico é a aposta segura para lle facer fronte ao patriarcado, que nos negou historicamente os nosos dereitos e, o que é máis grave, en moitas ocasións facéndoo 'no nome' da relixión, unha estratexia ruín, deleznábel e anti-islámica, que condenamos de maneira rotunda. 

Cales son os seus obxectivos?
Son tan amplos e variados como conseguirmos que as mulleres conduzan en Arabia Saudita, asegurarmos o seu pleno dereito a decidir en todos os ámbitos, quer nos países árabes, quer nos occidentais; impedirmos a 'imposición' de se poren o veo en países como Irán ou a obriga de o quitaren noutros como España para conseguiren un posto de traballo. Por desgraza, moitas persoas aquí [no Estado español] chegáronme a dicir que ser musulmá e feminista é un "oxímoron'[contradición]. Porén, eu coido que se trata máis dun outro prexuízo que xorde froito de xeracións de adoutrinamento e propaganda islamófoba e dun sistema maquiavélico e neoliberal que promove estereotipos contra o mundo musulmán como unha estratexia para xustificar os seus fins políticos.

"O Corán recoñece as mulleres como cidadás de pleno dereito mais o patriarcado negounos os nosos dereitos mesmo 'en nome' da relixión"

Pretender coñecer o Islam e os seus valores através dos medios de difamación masiva é como querer coñecer a historia da Guerra Civil española através de César Vidal [historiador e escritor español colaborador do diario Libertad Digital], por exemplo. Quen non acode a medios alternativos, non contrasta as fontes ou non somete a información que recibe a un mínimo de autocrítica, rematará por asumir por idiosincrasia que os homes barbudos son "terroristas" e as mulleres musulmás unhas "pobres oprimidas". Ás correntes [de pensamento] dominantes non lles interesa darnos voz a nós porque iso significaría difundir ou promover a liberación da muller musulmá e, nese caso, con que pretexto poderán invadir países árabes para 'liberar' as mulleres a canonazos?

É o Feminismo islámico unha corrente de pensamento maioritaria?
É minoritario, mais está en crecente expansión. Cada vez adquire maior popularidade, sobre todo entre a mocidade e dentro dos círculos académicos. De feito, é un novo concepto de feminismo e unha outra maneira de entender a liberación das mulleres, axustada a un contexto histórico, cultural e relixioso determinado. 

Levas anos tecendo redes co feminismo occidental, predominantemente laico. Existen nel prexuízos islamófobos?
O feminismo laico e occidental é moi variado. Hoxe en día, afortunadamente, conta con moitas correntes. Moitos feminismos laicos, se non a maioría, déronnos a benvida. É certo que todos temos prexuízos contra os que loitar, en maior ou menor medida. A chave do éxito do feminismo está, non só en non os fomentar, senón en derrubarmos, através da sororidade, as barreiras mentais e ideolóxicas que poidan limitar a nosa visión. E construírmos a partir do respecto e o non cuestionamento das loitas das nosas conxéneres. No caso dos feminismos laicos con respeito cara aos relixiosos, temos que lembrar que o inimigo é o patriarcado, non Deus. Para iso é preciso descolonizar o feminismo. Algunhas feministas eurocentristas negan a posibilidade de liberación se non é "á súa maneira", partindo de premisas nihilistas e discriminatorias que inclúen o imperativo de ser branca, europea e atea.

"O feminismo islámico entende a liberación das mulleres axustada a un contexto histórico, cultural e relixioso determinado"

Desde a nosa posición rexeitamos esa premisa pola considerarmos autoritaria, excluínte e etnocentrista. Nese senso, expresamos o noso dereito a nos "liberar" á nosa maneira, baixo as nosas propias condicións e sen que outras non impoñan cando, como e desde onde facelo. Que teñen en común as mulleres indíxenas, as do centro de África, as latinas, as árabes, as asiáticas ou as aborixes? Aparentemente pode que non moito, mais se loitan pola súa emancipación e plenitude, debemos apoiar as súas loitas, respectalas sen cuestionamentos e, sobre todo, aprendermos delas e non xulgalas desde unha suposta superioridade moral. Entendemos que existen tantos feminismos como mulleres en loita e que ningún pode imporse aos demais. 

Nun artigo teu publicado en Play Ground criticas con retranca "estereotipos infundados, terxiversados e mal-aprendidos" sobre a cultura árabe e o Islam. Como é ser musulmana nun estado como o español?
Non é doado, implica unha loita constante por nos reafirmarmos todos os días. Faise máis difícil aínda porque, como dixen, as campañas de propaganda --psicolóxica e bélica-- só tentan reforzar determinados estereotipos falsos desde a súa raíz, manipulándoos tendenciosamente en beneficio do Imperio e do capitalismo. Así é como se implanta a doutrina do medo nunha opinión pública informada "á carta" e exposta, continuamente, ao horror do "yihadismo" e o "terrorismo islámico" --ou anti-islámico para sermos politicamente correctos. Se no século XX o principal inimigo a combater era o comunismo, no século XXI é o Islam. Hai ocasións en que te preguntas como vivindo supostamente nun país democrático no que a súa propia Constitución respecta as liberdades individuais, son exixidas amiúdo tantas xustificacións a condutas, pensamentos, ou formas de vestir, de crer ou de entender a vida que se saen dos patróns estabelecidos ou normalizados. Só polo feito de levar hijab teño que lle demostrar ao mundo que non son sumisa ou non estou supeditada a ningún home. É como crer de antemán que calquera home é culpábel até que se demostre o contrario. É unha loita extenuante e incomprensíbel nun contexto democrático. 

“Crer que ser musulmá e feminista supón unha contradición é un prexuízo”

Noutra ocasión respondiches ao xornalista Ricardo Benjumea cando afirmou que "En países de maioría musulmá, só un réxime militar garante a estabilidade social suficiente, posto que a democracia, máis tarde ou máis cedo, dexenera en islamismo radical". Unha opinión que se ten empregado para xustificar intervencións militares...

Se o señor Benjumea se tivera referido ao pobo xudeu, a presión popular e política e as condenas unánimes de antisemitismo teríano forzado a rectificar publicamente por semellante atropelo, para alén de perder toda a credibilidade, o seu posto de traballo e mesmo, nalgúns países europeos, tería sido xulgado por un tribunal. Mais ao se referir ao pobo musulmán, ninguén tomará represalias nen medidas contra el. Bendita hipocrisía! [di con retranca]. A Primavera árabe [á que se refería o xornalista] non fracasou, como di el, porque o pobo musulmán sexa antagónico á democracia, senón polo vil apoio que desde Occidente se brindou aos ditadores árabes en detrimento da sublevación lexítima dos pobos. Eis o apoio militar e financeiro da Casa Branca, e doutros países imperiais, ao golpe militar contra Mursi e os Irmáns Musulmáns --elixidos democraticamente polo pobo exipcio nas urnas, igual que Hamas. As democracias árabes son en realidade unha ameaza para Occidente, de aí o apoio mediático, financeiro e militar, se é preciso, para boicotar as súas dignas revolucións populares e en beneficio do estabelecemento de gobernos títeres que, en todos os casos salvagarden os intereses xeopolíticos occidentais e a súa pretensa hexemonía mundial. 

Que opinas do ISIS ou o chamado "terrorismo islámico"?
A posición da Sharia e do Islam é rotunda e inequívoca: condenan categoricamente o terrorismo. Os dexenerados do ISIS nen forman ningún califato nen son islámicos. Que insulto á intelixencia humana. Son monicreques que, financiados e adestrados desde Occidente ao máis puro estilo Al-Qaeda, non matan no nome de Alá, matan en nome dos petrodólares, o deus imperial, que non se nos esqueza. Aliás, cumpren o seu papel de "perigosos barbudos" dentro do circo imperial, mentres terman dun Corán que non leron na súa vida. É patético. Nen que dicir ten que os seus actos foron repudiados por toda a comunidade musulmá. Outro termo acuñado pola imprensa "occidenta-lista" é o de 'extremistas islámicos'. Non existe interpretación posíbel do Corán que poida derivar na xustificación da decapitación, o asasinato ou a tortura. Por iso debemos chamalos terroristas sen máis. O Islam defende e protexe nos seus textos sagrados a liberdade de credo e de pensamento, tal e como foi recollido historicamente polos historiadores que describiron o esplendor do Califato e de Al-Andalus.