ANTóN MASA, PRESIDENTE DA APDR: "NON IMOS ABANDONAR AS MOBILIZACIóNS"

"O PP defende ENCE porque é a súa empresa"

Antón Masa [Imaxe PontevedraViva]

O presidente da Asociación para a defensa da ría de Pontevedra asegura que o goberno español tiña preparada a prórroga antes do 20-D mais que non a fixo pública para evitar o "custe electoral" que lle carrexaría. 

Continúan as mostras de rexeitamento á prórroga que o goberno español concedeu, en funcións, a Ence-Elnosa para ficar 60 anos máis na ría de Pontevedra. Após a multitudinaria manifestación do 30 de xaneiro na cidade do Lérez, o colectivo arterrorístico –como eles propios se definen—Poetarras vén de lle dedicar unha canción como xa fixera coas amizades perigosas de Feijóo.

Entretanto, as organizacións e colectivos que integran a Plataforma Ence Fóra artellan novas accións para evitar que a pasteira fique na ría. Conversamos con Antón Masa, presidente da APDR.

Como valorades a manifestación polas rúas de Pontevedra?

Foi un acto moi positivo. Cremos que a xente demostrou o que viñamos dicindo desde hai tempo, que existe unha crispación moi grande con este asunto e fíxose sentir. Agora temos que traballar para ver como manter este clima.

Que accións desenvolveredes agora?

Estamos a valorar como actuar por todos os medios. As distintas organizacións que compoñen a plataforma iniciarán accións pola vía xudicial e os posíbeis recursos que se poidan presentar tamén pola vía administrativa. Mais non imos abandonar a mobilización social. Esta cuarta feira (3 de febreiro) temos unha xuntanza, mais haberá que desenvolver accións máis concretas, ora ben, con máis exixencia. Pola nosa banda, desde a Asociación para a defensa da ría imos facer cousas co gallo do Entroido como preparar un cantar de cego que levaremos ás rúas e aos bares e que non descartamos presentar ao concurso de murgas.

A que cres que se debe a présa do goberno en funcións por aprobar a prórroga dunha concesión que non remata até 2018?

Persoalmente teño claro que houbo présa mais tamén demora. Tiñan preparada a orde antes das eleccións do 20 de decembro mais non quixeron facelo público polo custe electoral que lles podía carrexar ou mesmo pola chegada dun novo goberno no que eles non estean. Precisan defender Ence porque é a súa empresa. Trátase dos seus propios intereses e de procurar novos postos no Consello de Administración no que, actualmente xa están, entre outras persoas, a exministra Isabel Tocino, e o exconselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo. Buscan máis sillóns.

"Trátase dos seus propios intereses e de procurar novos postos no Consello de Administración"

Neste senso, Galiza non conta con ferramentas para contradicir a decisión do goberno español…

Mentres Galiza non sexa quen de sacar de enriba o Partido Popular vai ser difícil que isto non aconteza. No Estado español aínda non hai novo goberno mais si Parlamento e pode actuar. Mesmo pode revogar a decisión. Neste senso, estamos a presionar o PSOE e Podemos para que o fagan. Desde o PSOE xa presentaron un par de iniciativas e temos claro que calquera novo executivo tería a obriga de revogar a prórroga mais tamén a Lei de Costas de 2013.

Os postos de traballo da factoría están a ser empregados como argumento para defender a permanencia de Ence-Elnosa na ría. Como combinar isto coa defensa ecolóxica do territorio?

Dificilmente se pode combinar. Porén, os comités de empresa trabúcanse de inimigo. Non é a veciñanza de Pontevedra ou o goberno municipal senón os empresarios. Eles tiveron tempo para solucionar o problema antes de que xurdise e non o fixeron. O que queren é facer pasta, mais non da de papel.

Veremos Ence fóra da ría?

Esta non é unha decisión firme e cabe a posibilidade de que non se execute. Ora ben, iso terá moito a ver coa capacidade de mobilización. Vai ser moi importante.