Entrevista coa activista Erea Blanco

“Precisamos un suxeito político propio, feminista, na Galiza, porque vivimos nunha situación colonial con España”

A activista feminista Erea Blanco

As xornadas Noutrén: Feminismo Poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo, centran a súa cuarta sesión no activismo e os coidados da vida. En Sermos Galiza falamos con Erea Blanco, activista na Marcha Mundial das Mulleres –MMM– e en Isca!, que compartirá palestra coa doutora en educación, xénero e igualdade Rebeca Raso, esta cuarta feira, día 23, para coñecer a súa experiencia e visión do feminismo galego. 

Cóntenos como ve o movemento feminista na Galiza.

Creo que hai unha vontade de artellar un movemento en clave galega. Desde a Marcha Mundial das Mulleres pensamos que estamos nunha situación colonial con España e o que nos interesa é ter un suxeito político propio, feminista, aquí na Galiza. Entendemos que, no caso galego, a loita de clase é a que vertebra o movemento, e o que nos diferencia doutro tipo de feminismos.

Como foi e como é a súa experiencia?

Estiven catro anos militando no movemento feminista na Coruña e agora estou en Ourense. Cando comecei non coñecía datas como o 17 de outubro, Día internacional para a erradicación da pobreza, ou o 24 de maio, Día internacional das mulleres pola paz e o desarme… Ao chegar á Coruña non existía a coordinadora da Marcha Mundial das Mulleres. Fundámola con bastantes compañeiras. É un proxecto político complicado, facer movemento feminista, e máis cando eu comecei, con moitísima menos xente. Os últimos 8M, pola contra, foron moi potentes e é unha felicidade, porque estabas aí nas malas e agora recolles os froitos, mais tampouco é exactamente así, porque sabes que non fuches ti a que foi quen de trasladar o discurso a esa escala, senón que é o sistema o que, en parte, colabora a ‘vender’ a folga. É complexo. 

Como o vive, que balance fai?

Hai un traballo diario, unha sororidade e unha forma na que se levan as discordancias entre compañeiras, dentro e fóra da organización, no camiño ao 8 de marzo, para enfocalo en que as loitas pequenas poidan marcar o camiño das reclamacións que deberiamos ter no 8M e non usar sempre un discurso, por dicilo dalgunha maneira, sistémico. Loitas como a que estamos a vivir agora en Ourense coa supresión do protocolo de violencia de xénero –o sistema VioGén, de seguimento integral das vítimas–. O máis difícil, para min, son as discordancias con compañeiras que teñen unha base de loita moi distinta. Eu compartín o 8M con mulleres que teñen como referencia o feminismo de Emilia Pardo Bazán. Ás veces resulta complicado, porque, aínda que unha non ten a verdade absoluta, causa dor ver como quedamos en discursos sistémicos e completamente partidarios, podendo transformar o mundo.

A autodefensa, aínda que o termo poida soar radicalizado, é unha necesidade. Hoxe mesmo morreu asasinada unha muller no País Valencià, cada día hai asasinatos, e temos dereito a defendérmonos

Que perspectivas e que obxectivos tedes na Marcha Mundial das Mulleres, despois de dous 8M masivos?

Temos que mellorar o discurso e ser quen de marcar a nosa propia axenda. É certo que fronte os feminicidios creceu moito a mobilización, mais non é comparábel con outras che venden en Telecinco ou La Sexta.  Penso que tirar do local é a base para poder traballarmos e que as mulleres sintan as desigualdades e realidades propias máis que as que saen pola televisión. Esa é a base para poder construír un discurso hexemónico e, sobre todo, para que os 8 de marzo teñan sentido e camiñen cara a un movemento transformador. Pero antes diso, está o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia ás mulleres…

Certo. Como a afrontades?

O ano pasado fixemos unha campaña de autodefensa e creo que realmente segue vixente, no sentido de que a  autodefensa, aínda que o termo poida soar radicalizado, é unha necesidade. Aínda hoxe morreu asasinada unha muller no País Valencià, cada día hai asasinatos no Estado español, e temos dereito a defendérmonos. O 25N non ten que xirar só arredor de cifras lamentábeis, senón que podemos tomar o control e defendérmonos, porque temos a capacidade, e entre compañeiras é máis fácil profundar, ver unha muller e aínda sen coñecela ser quen de comunicarte con ela para que te axude nun momento difícil. O pasado 25N fixemos talleres de autodefensa, impartidos por Lésbicas creando, e tivo moito sentido porque poucas mulleres practicamos algunha vez loita de ningún tipo, aínda que sexa unicamente para saber defenderse un pouco. Ao facelo con compañeiras, confías na persoa que tes ao lado malia a non coñecela de nada. Tamén, cando montas puntos lilás nos festivais estás traballando nese sentido: é un grupo de descoñecidas pero que che van dar apoio, e iso tamén é autodefensa.

Máis alá das datas sinaladas, como enfocades o traballo diario? 

Desde as bases, buscando problemáticas concretas. Por exemplo, cando na Coruña se pechou o servizo de atención ás mulleres da Policía… Ese tipo de cousas son as que teñen que mobilizar unha cidade, porque claro que o 8M é unha data significativa, pero o que a ti che afecta é o que vives no día a día, o que che inflúe, o teu conntorno. Facer as reclamacións para que os CIM –os centros de información ás mulleres– funcionen, campañas como a  do aborto, na que seguimos reclamando que as mulleres desde os 16 anos poidan abortar… As reivindicacións non van acabar nunca. Todo iso, despois, é o que hai que levar a un discurso maior, que é o do 8M.