A “precariedade” no mestrado de profesorado no ensino chega ao Parlamento galego

(Foto: Europa Press)

A través dunha iniciativa de Erguer que trasladará o BNG.

Ter o mestrado de profesorado é condición indispensábel para concorrer a unhas oposicións de ensino e poder dar aulas. Desde a organización estudantil Erguer indican que a pesar desta obrigatoriedade, “o sistema universitario público galego ofrece un total de 765, frente ás 1.174 prazas vacantes nas oposicións de 2020. Isto é, por cada 100 prazas nas oposicións, a Xunta ofrece 65 prazas no mestrado de profesorado, sendo nalgúns graos aínda mais exaxerada esta disparidade”. Considera que esta cantidade é “ínfima”, e “nin sequera cumpre os mínimos da propia Xunta”.

A organización estudantil vén de trasladar a presente problemática participando na presentación dunha moción no Parlamento Galego en colaboración co BNG.

Erguer denuncia “que isto supón unha privatización encuberta e un modelo de formación colonial, no cal a maioría dos nosos docentes teñen que se formar en centros privados, asumindo custos elevadísimos debido ao actual aumento de opositores derivado da situación pandémica”.

A maiores, indican que “esta formación non atende aos criterios característicos do ensino en Galiza, pois é impartido por centros de fóra do País, moitas veces en liña, xa que resulta inasumíbel a presencialidade debido ás distancias”.