A precariedade laboral esporea a fuga de internistas novos do Sergas

O persoal facultativo de Medicina Interna asumiu a maior carga asistencial derivada da pandemia da Covid. (Eduardo Parra / Europa Press)
No último lustro acelerouse a marcha de especialistas da sanidade pública. A falta de estabilidade e a presión derivada do aumento da sobrecarga asistencial mantén os servizos de Medicina Interna dos hospitais galegos en mínimos.

O plante do persoal médico internista e dos seus xefes de servizo ante o Sergas saca á luz, máis unha vez, as condicións laborais e de traballo das profesionais da sanidade pública.

Despois de cinco anos na mesma cadeira asinando cada tres meses, marchei

A precariedade dos contratos mais a inestabilidade complica unha sobrecarga asistencial previa á pandemia da Covid e pon en risco a continuidade das especialistas en Medicina Interna dos distintos hospitais da Galiza. Denuncian cadros deficitarios, que no último lustro viron como se aceleraba a saída de facultativos fartos de penuria laboral.

"Despois de cinco anos na mesma cadeira asinando cada tres meses, marchei. Son defensor e usuario da sanidade pública, pero laboralmente son médico e as condicións e o proxecto que me ofreceron na privada son mellores e máis estábeis".

Coma este internista da área da Coruña que acabou por deixar o Sergas, "hai mil". Confírmano desde os servizos médicos que estes días están a reivindicar contratos máis estábeis en duración e mobilidade. "Non ten sentido traballar en varios hospitais, fan falla máis profesionais: cubrir o 100% das vacantes en todos os servizos, realizar unha planificación realista do número de facultativos necesarios en cada centro, incentivar a ocupación das prazas de difícil cobertura, comprometerse coa realización dunha OPE anual ou bianual e incrementar o número de prazas MIR".

Medicina Interna ten en Santiago unhas 170 camas asignadas pero estamos atendendo entre 250 e 300

Con estas propostas, o colectivo rexeita os contratos de longa duración en hospitais de cabeceira que vén de ofrecerlles a Xunta, que inclúen un desprazamento temporal a centros comarcais, unha solución que non só afecta á especialidade de Medicina Interna, tamén ás de Traumatoloxía e Radiodiagnóstico, debido ás carencais que atravesan.

Sobrecarga asistencial

Con case 20 anos de experiencia no servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, María Pazo, asegura que a situación "é moi mala". "Temos moita sobrecarga, debido a que a poboación envellece cada vez máis, é máis pluripatolóxica e presenta maiores comorbilidades". Desde 2019 advirten un incremento paulatino de ingresos que se disparou coa chegada da pandemia. 

Medicina Interna ten en Santiago unhas 170 camas asignadas en tres centros, "pero estamos atendendo entre 250 e 300". O aumento da hospitalización é o que máis está a complicar o labor asistencial dos internistas, encargados de pasar consultas "en contacto directo con Atención Primaria, cos propios doentes e con outras especialidades".

O aumento da hospitalización está a obrigar a suspender ou adiar o resto de actividade "e aínda así a carga de traballo é bestial, sen poder dar unha atención de calidade, como quixeramos", di Pazo.

Medicina Interna está esgotada, é unha loucura

A esta situación hai que sumarlle o importante déficit de persoal que se foi agudizando co paso dos anos. "Non se están ofrecendo contratos nin condicións dignas á xente nova, que ante a falta de estabilidade vaise". Atopa mellores opcións fóra, noutros territorios ou no privada. "No prazo de dous anos perdemos seis especialistas. Da xente que se formou aquí non queda ninguén. Eu son das máis novas e levo 20 anos no servizo!".

Eventualidade e fuxida

María Pazo describe as condicións de traballo que afastan da pública os especialistas máis novos. "Cada día acoden a un hospital, hoxe en planta e mañá en consulta; sen planificación nin estabilidade. Até o día antes non saben se lles van renovar e, ás veces, cando chegan para asinar un novo contrato descobren que as condicións xa son outras".

"A unha compañeira ofrecéronlle un contrato de verán de tres meses que resultou ser mes a mes. Asinou xullo, despois agosto e cando chegou setembro dixéronlle xa non había máis".

E apunta aínda o caso doutra especialista que xa ten máis dun lustro. "Despois de renunciar á baixa maternal, como lle pediran, para asinar por seis meses, racharon o contrato diante das súas narices só tres días despois de rubricalo e botárona á rúa. "Como se van querer quedar?". Ambas as súas acabaron na privada.

Gardas unipersoais, paliativos e HADO

"Medicina Interna está esgotada, é unha loucura", afirma o internista Hadrián Pernas. Chegou ao Hospital do Salnés procedente de Santiago, onde viviu unha presión e un estrés altísimos derivado da demanda asistencial mais do trato laboral. "Dos MIR que acabaron en 2021 e que accederon só a contratos de verán, un foi para a privada, indefinido, sen gardas e cun salario igual, e outro quedou até outubro, mais en setembro descubriu que xa non podía conectarse ao sistema". Foi como descubriu que xa "non o precisaban".

Con todo, a contratación segue a ser de curta duración, di. No Salnés apunta carencia de persoal e unha presión asistencial elevada. "As gardas de 24 horas son para un único internista ao cargo de 50 doentes mais as urxencias. Ademais, ante a falta de persoal especialistas estamos a cubrir Coidados Paliativos e a algunhas necesidades de Hospitalización a Domicilio (HADO)".