Declarada a prealerta por escaseza de auga nas concas dos ríos Mero e Anllóns, na Coruña e en Baiona

Ponte sobre o río Anllóns, nunha imaxe de arquivo. (Fonte: Wikipedia)
Augas da Galiza advirte os concellos das medidas a adoptar.

A Oficina Técnica da Seca da Xunta da Galiza activou esta sexta feira a declaración de prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e da ría da Coruña; na conca do río Anllóns e na costa da Coruña até o límite de Arteixo, e no subsistema de Baiona (comarca de Vigo). Así se estabeleceu durante a primeira reunión do verán desta entidade, que foi presidida pola directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, e na cal participaron representantes de Protección Civil, de Meteogalicia e da Consellaría do Medio Rural, alén do propio persoal técnico de Augas.

En concreto, a declaración de prealerta no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na conca do río Mero, prodúcese debido á súa ocupación por baixo da media nos últimos anos, situándose na actualidade a 69%, polo que se traballa xa no seguimento da situación. Con todo, Gutiérrez explicou que existe a posibilidade alternativa de utilizar as reservas de auga do lago de Meirama en caso de ser necesario, polo que o abastecemento "está garantido".

No caso do sistema de explotación do río Anllóns, a declaración de prealerta por escaseza obedece á baixada dos niveis de caudal fluínte, mentres que en Baiona a prealerta débese a que o volume de auga embalsada está a 77%, mais é un encoro de "pequeno tamaño" e a poboación aumenta na zona en tempada de verán, cando diminúen as choivas.

Esta situación de prealerta implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galiza-Costa, así como das posíbeis incidencias que se detecten. Aliás, prevense medidas de concienciación cidadá.

Ademais, Augas da Galiza informará os concellos da situación, trasladando medidas estratéxicas que se poden adoptar neste estado, como o incremento da frecuencia de control e vixilancia ou o intercambio e actualización de información. Tamén se incide en medidas de concienciación cidadá e no control de usos e detraccións do recurso desde o organismo.

Por outra banda, a Oficina Técnica da Seca confirmou que a situación do resto dos sistemas de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, de competencia da Xunta, presenta niveis de normalidade. A ocupación actual dos encoros é de 86%.