Educación

O prazo de preinscrición de FP abre esta sexta feira a pesar das críticas de profesorado e estudantado

Estudantes de mecánica no IES Universidade Laboral de Ourense, o pasado 19 de maio de 2023. (Foto: Agostime / Europa Press)

Sindicatos de profesores e profesoras lamentaron a supresión de arredor de 2.000 prazas na modalidade presencial.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta publicou esta quinta feira a versión definitiva do catálogo de FP para o próximo curso 2023/24, que a trazos xerais mantense fiel ao borrador aprobado a semana pasada sen ter en conta as protestas levadas a cabo tanto por profesorado como por estudantado e as súas familias, que criticaron o aumento de prazas de formación a distancia en detrimento das presenciais

Segundo Educación, a oferta contempla 42.174 prazas “nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais”. Destas prazas, a Xunta asigna 34.704 á modalidade presencial, e “só 7.470, a distancia”. Haberá, ademais, 1.482 grupos cursando FP de maneira presencial e, segundo os datos achegados pola Dirección Xeral, “só 151 o farán a distancia”.

Así, o prazo de preinscrición abrirase esta sexta feira e a primeira lista de admitidos e admitidas (de carácter provisional) sairá o 10 de xullo. A relación definitiva publicarase o 19 de xullo, día a partir do cal se poderá formalizar a matrícula até o día 24.

2.000 prazas menos

Porén, os datos anunciados pola Consellaría contrastan coa análise realizada pola CIG-Ensino. A pasada segunda feira, nunha xuntanza do Consello Galego de FP, órgano consultivo no que participan sectores produtivos e sindicatos, a CIG chegou a pedir a dimisión da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, por unha oferta sobre a que as centrais denuncian "recortes" e porque foi deseñada "unilateralmente".

A central sindical nacionalista criticou fortemente a supresión de perto de 2.000 prazas na oferta presencial con respecto do curso pasado, o que se traduce, segundo o sindicato, en 2.050 prazas máis e en 68 ciclos a maiores impartidos na modalidade a distancia.

Pola súa banda, CCOO explicaba que "ao non haber oferta presencial" polo aumento da modalidade 'en liña', a Xunta obrigaba ao alumnado a "matricularse nos privados". Ademais, este sindicato cuestionaba que os centros puidesen optar por poñer 100% presencial os módulos a distancia, dado que estas clases constan de até 50 estudantes matriculados.